DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Abriu na Casa das Campás a quinta edición do ciclo "Os Xoves de Moda"

O xornalista Abraham de Amézaga propón a volta ao artesanal e europeo como alternativa á crise na moda

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Esmeralda L. Castro DUVI 15/04/2010

O xornalista Abraham de Amézaga, colaborador habitual de revistas como Glamour, Elle, Gentleman ou Época, inaugurou na Casa das Campás a quinta edición do ciclo de conferencias Os Xoves de Moda de Esdemga. Licenciado en filoloxía francesa e especializado en moda, luxo e a arte de vivir, centrou a súa charla na busca de alternativas para un consumo, en particular de moda, de calidade e racional en tempos de crise económica. Fronte á crise: calidade europea da moda foi o título que lle puxo ao seu relatorio, a través do que fixo unha aposta polo “saber facer europeo” e a volta á artesanía local.
“En lugar de quedar parado ante a machacona palabra crise, penso que é máis oportuno apostar por armas que sirvan tanto para o presente como o futuro”, afirmou. Neste sentido considera que é preciso volver ao “feito en Europa” e por iso puxo en marcha un blog precisamente con ese nome, “para destacar o talento do feito aquí, sen pecharlle as portas ao resto do mundo”.
Remarcou así a necesidade de impulsar a artesanía propia de cada lugar e aos produtores oriúndos e de rexeitar a roupa das marcas que teñen deslocalizada a súa produción en Asia ou África. “Detrás de isto hai man de obra barata e non cualificada, explotación infantil, salarios indignos e condicións de traballo pésimas”, denunciou. Quixo así facer un chamamento a prol da sostibilidade e dos produtos máis próximos, na súa opinión, “polo ben da nosa economía, dos nosos cidadáns, da nosa cultura e do noso medioambiente”.
Afirmou que se para algo serviu a crise foi para que moitas firmas comezasen a reivindicar de novo o artesanal e para que algúns países, como é o caso de Francia, asinasen un código de boas prácticas para que non só os deseños sexan do propio país, senón tamén os proveedores.

Consumir pouco, pero ben

Abraham de Amézaga opina que a calidade é algo que está ao servizo de todos. Con todo, recoñece que os prezos dalgunhas firmas son demasiado elevados e que requiren un reaxuste. Por iso, fronte a isto e a crise económica propón sobre todo orixinalidade e enxeño e, en segundo lugar, empregar tempo a buscar o que un quere nos outlets, nas tendas de segunda man ou en Internet, así como aproveitar as rebaixas, as ofertas especiais e a venda privada. A clave está, segundo Amézaga, “en consumir pouco, pero ben”. “Á hora de consumir hai que ser conscientes, consecuentes e comedidos”, aconsellou

Desmitificar as percepcións sobre a moda

Na súa opinión, cómpre tamén desmitificar a percepción xeneralizada sobre o mundo da moda. “Non é algo só para as elites, os ricos ou a xente frívola, senón que é un saber que merece ter sido en conta”, declarou. Nese sentido amosou a súa satisfacción porque a moda teña entrado como disciplina de estudo no ámbito universitario, “o principal templo do saber”. “Entrou por méritos propios e impulsada por xente como a de Esdemga, que realiza un traballo continuo para que se teña en consideración”, destacou.
Ao longo da súa intervención Amézaga tivo tempo para gabar tamén a particular notoriedade de Galicia no mundo da moda. “Converteuse nun núcleo do sector por méritos propios, soubo facerse un oco e o potencial dos seus deseñadores fará que siga sendo notoria”, subliñou.
O vindeiro xoves visitará a Casa das Campás para falar de moda Guadalupe Piñeira, arquitecta do estudo Irisari+Piñeira e profesora da Escola de Arquitectura da Coruña.