DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O profesor da Escola Superior de Enxeñaría Informática abre unha nova etapa para este centro

Xosé Antón Vila Sobrino é nomeado novo director do CITI

O seu obxectivo será potenciar a actividade desta infraestrutura e sacar maior proveito aos seus rec

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI 29/09/2011
O Centro de Investigación, Transferencia e Innovación (CITI) da Universidade de Vigo conta xa cun novo director. Trátase de Xosé Antón Vila Sobrino, profesor da Escola Superior de Enxeñaría Informática de Ourense, que foi nomeado este mércores para o cargo polo reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato. Con dependencia orgánica e funcional da Vicerreitoría de Investigación, o CITI comeza unha nova etapa cunha nova dirección que se marca como obxectivo dinamizar a actividade do centro e sacar maior proveito aos seus recursos humanos, instalacións e dotación tecnolóxica.

Xosé Antón Vila Sobrino, doutor en Físicas, pasa a ocupar este cargo desde o seu posto de profesor do campus de Ourense e investigador do MILE Group (Medical Informatics and Learning Environments). Faino, afirma, agradecendo a confianza depositada nel e coa ilusión de enfrontar un novo reto profesional. “Asumir a dirección do CITI pareceume un proxecto moi interesante, pois é un centro que pode avanzar moito e contribuír ao desenvolvemento da Universidade de Vigo”.

O CITI que agora pasa a dirixir Vila Sobrino é un centro creado pola Universidade de Vigo en colaboración coa Xunta de Galicia no 2005 cuxa misión é potenciar o desenvolvemento do I+D+i nas empresas, mediante a creación de espazos de colaboración para favorecer e transferir coñecemento dende a Universidade ao tecido empresarial. A fórmula que emprega para acadalo é o desenvolvemento de proxectos conxuntos de I+D+i relacionados co ámbito agroalimentario, biotecnoloxía, enerxía, medio ambiente e tecnoloxías da información.

Asesoramento e servizos

“A pesares de ser tempos de crise, nos que todas as institucións están recortando orzamentos, intentaremos facer máis co que hai. Desde a súa creación o CITI foi avanzando e mellorando e nós intentaremos seguir potenciando o seu traballo”, destaca o novo director. Neste camiño, un dos primeiros obxectivos que se marca Vila Sobrino é incrementar o coñecemento que ten a comunidade investigadora ourensá dos servizos que ten á súa disposición no Centro de Investigación, Transferencia e Innovación. “O asesoramento e o apoio aos investigadores para buscar novas oportunidades, acordos e financiamento será unha das cuestións que vamos a potenciar a través dos técnicos do CITI”, explica Xosé Antón Vila.

Outro dos aspectos nos que quere incidir a nova directiva é no aproveitamento do equipamento e das instalacións do centro. “O CITI ten unha planta piloto cunha dotación tecnolóxica moi boa á que temos que sacarlle o máximo proveito posible”, apunta. Para facelo e tendo en conta a localización do centro no Parque Tecnolóxico de Galicia Tecnopole, o novo director salienta a importancia de estreitar a colaboración coas empresas da contorna, para que coñezan a oferta tecnolóxica e os servizos que teñen á súa disposición no CITI e se abran novas oportunidades de realizar proxectos conxuntos.