DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O acto de entrega será este martes día 24 ao abeiro da celebración do Día das Letras Galegas

Xosé Daniel Costas e Virxilio Rodríguez fanse cos premios de poesía e relato curto 2011

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
D. Besadío DUVI 20/05/2011
Xosé Daniel Costas Currás e Virxilio Rodríguez Vázquez son os gañadores dos Premios de poesía e relato curto 2011 cos que a  Área de Normalización Lingüística quere “fomentar a creatividade e as inquietudes artísticas da comunidade universitaria e, sempre en galego”, tal e como subliñou o director da área, Paulo Cabral, que explicou que este ano se presentaron ao certame un total de 32 traballos: 12 na categoría de poesía, 14 en relato curto e 6 en tradución literaria.

A entrega de premios terá lugar o vindeiro martes, 24 de maio, con motivo do acto de celebración do Día das Letras Galegas. Será as 12.00 horas na sala 1 do Edificio Miralles e alí reuniranse, ademais dos gañadores, que recibirán 700 euros cada un deles, os dous participantes de cada categoría con accésits e que recibirán, respectivamente, 250 euros. Nunha edición na que quedou deserto o primeiro premio na categoría de tradución literaria, o xurado, composto por diferentes expertos no eido da lingua, a literatura galega e a tradución, decidiu incluír no volume no que se recollerán os traballos galardoados, un relato curto e varios poemas a maiores “que aínda que non recibiron premio, se quixeron destacar pola súa elevada calidade”, expuxo Cabral.

Premiados

En poesía, o estudante moañés Xosé Daniel Costas Currás, alumno de Enxeñaría de Minas, volveuse facer co primeiro premio, nesta ocasión co poemario Dime de ti. Mentres que os accésits recaeron en A Contrafío, de Anxo Manuel Rodríguez Ratel, e Camiños de Salitre, do profesor Anxo Mena Rodríguez.
Na categoría de relato curto, fíxose co primeiro premio o profesor de Dereito Virxilio Rodríguez Vázquez polo relato Espellos; mentres que os accésits foron para o tamén profesor, neste caso de Enxeñaría Industrial, Alberto Comesaña Campos co relato Familia, e o estudante Bruno Bouvy Vilaboa polo relato O canto do cisne.
En tradución literaria o xurado destacou o traballo de Raquel Uzal Gómez, xa galardoada noutras edicións, pola tradución dun texto do escritor inglés Julian Barnes, e a Andrés Trigo Misa que para a súa tradución elixiu un texto da francesa Nathalie Rheims.
O acto de entrega incluirá tamén a actuación do grupo Gayo Pinheiro, un dúo formado por Clara Gayo e Iria Pinheiro.