DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A súa candidatura recibiu 26 votos a favor, 24 en contra e dúas abstencións

Xosé Manuel Buxán, elixido novo decano de Belas Artes

A revisión do plan de estudos e a creación dun mestrado, entre os obxectivos do mandato

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Democracia
  • Institucional
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 11/09/2019

Con 26 votos a favor, 24 en contra e dúas abstencións, o profesor do Departamento de Escultura Xosé Manuel Buxán foi elixido novo decano da Facultade de Belas Artes na votación celebrada en Xunta de Facultade este mércores. Trala dimisión, o pasado mes de xuño, da ata agora decana en funcións, Silvia García, despois de que a Xunta da Facultade rexeitase a memoria do grao en Deseño e Creación, a candidatura encabezada por Buxán Bran foi a única que concorreu ao proceso electoral que se completou este mércores. Co obxectivo de “abrir unha etapa de diálogo e normalidade” no centro e “de reivindicar Belas Artes”, Buxán situarase durante os próximos tres anos á fronte dun equipo que completan, como vicedecanos, o profesor do Departamento de Pintura Carlos Tejo e o docente do Departamento de Escultura Javier Tudela, e a profesora do Departamento de Pintura Chelo Matesanz como secretaria académica.

Revisión do plan de estudos e creación dun novo mestrado

Entre os traballos que “van ter un maior protagonismo” nos próximos meses, o novo equipo decanal salienta por unha banda a revisión do actual plan de estudos do grao en Belas Artes, así como traballar na “creación dun novo mestrado”, que tome o relevo do desparecido máster en Arte Contemporánea. Creación e Investigación. Un mestrado que, lembra Matesanz, "facilitará tamén que futuros investigadores poidan incorporarse ao doutoramento”.. 

Outro dos aspectos a abordar nesta etapa, engade o novo decano, “é a renovación paulatina e consolidación de novas prazas de profesorado, que para nós tamén é moi importante, porque somos en xeral un corpo de docentes maior, con necesidades de relevo”. Por outra banda, o novo equipo decanal, salienta entre as tarefas a acometer nesta etapa traballar na “optimización de espazos e recursos”, dado que a sede da facultade, o antigo cuartel de San Fernando, “ten as súas vantaxes, pero tamén ten as súas dificultades”. De aí que Tudela incidise en que “hai que establecer tamén un debate académico sobre cal é a forma que garante que os alumnos e os profesores non sintamos cómodos en relación aos espazos e recursos dos que dispoñemos”. Do mesmo xeito, apuntaron tamén á importancia de seguir traballando no eido da internacionalización da facultade, así como a de tentar facer fronte a un “problema que ten que ver coa excesiva burocratización, que haberá que intentar minimizar e racionalizar”.

Pór en valor a “extraordinaria posición” da facultade

“Queremos contar con todo o mundo, pero queremos sobre todo reivindicar Belas Artes e o que significa”, salienta Buxán en relación a un mandato no que, explica, buscarán fomentar “o diálogo, os consensos e a colaboración entre todas e todos”, nunha facultade, apunta, na que “se houbo feridas, hai que restañalas”. Nese senso, o novo decano pon de relevo a necesidade “de seguir a valorizar a posición desta facultade, que é extraordinaria, e da que ás veces non somos conscientes”, á vez que lembra as “interesantes reunións” que nos últimos días mantiveron con profesorado, persoal de administración e servizos, técnicos de taller e alumnado do centro, “que nos puxeron ao tanto de moitas cuestións e temáticas que imos ter que abordar”. 

Por outra banda, Buxán pon tamén o acento na necesidade “de mergullarnos no contexto artístico e profesional galego e español, porque é algo para o que estamos e estivemos sempre moi preparados, polo que hai que continuar nesa estela”, unha vía que, engadiu Tudela, “hai que trasladar tamén as institucións, que teñen que entender que o alumnado desta facultade é o que vai xerar o patrimonio do século XXI”.