DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na Delegación de Cultura ás 19.00 horas

Xosé Manuel Cid afondará nun relatorio na etapa da represión franquista do maxisterio

Os mestres da República son un exemplo histórico, moral e intelectual para todos os docentes

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Noelia V. Vilanova DUVI 22/01/2009

Dos 1600 mestres republicanos que exerceron o seu labor na provincia de Ourense, 600 sufriron algún tipo de sanción durante a represión franquista. A maioría destes, os que tiveron máis sorte, foron suspendidos de emprego e soldo temporalmente, trasladados de provincia ou inhabilitados para cargos directivos. Pero aproximadamente 120 foron apartados definitivamente do ensino e os que correron peor destino foron os 15 docentes asasinados. Todos eles persoas “cunha gran confianza na escola pública como medio de redención das clases populares e que desempeñaron un gran labor, social, cultural e político”, explicou Xosé Manuel Cid, vicedecano da Facultade de Ciencias da Educación.
Estes mestres constitúen un exemplo e “un referente histórico para os futuros docentes”, declarou Cid. Por iso as Xornadas de socioloxía da educación. A educación en Galicia a través da historia organizadas pola Confederación Intersindical Galega e Asociación Sociopedagóxica Galega inclúen dentro da súa programación relatorios adicados a este “período escuro da educación”. O ciclo comeza a principios do século XIX co pai Sarmiento, “un dos primeiros que promoveu o ensino en galego”, pasando polo Seminario de Estudos Galegos, a República, o franquismo e a normalización lingüística no período recente. Cid é un dos encargados de falar dos mestres represaliados, contextualizando a súa intervención á realidade de cada comarca. A cita hoxe, xoves 22, ás 19.00 horas no salón de actos da Delegación de Cultura do edificio administrativo da Xunta de Galicia (Casa de Chocolate).
Os destinatarios das xornadas, concibidas como un curso de formación de profesorado, son aqueles titulados en demanda de emprego e os que xa se atopan no exercicio da profesión. Contando con que o ciclo se desenvolverá nas sete grandes cidades galegas que percorrerá ata o xoves 29 de xaneiro, “pensamos acadar os 1000 asistentes, xa que existe un elevado interese por este tema”, aclarou Cid.

A represión do maxisterio

Nunha intervención de tres horas, Cid fará un repaso á represión franquista do maxisterio na provincia ourensá facendo fincapé nas biografías dos profesores republicanos. Durante o seu relatorio estará acompañado por outro profesor universitario, Javier Blanco Sierra, que “é neto dun dos mestres asasinados, Francisco Sierra” e por unha sobriña e un ex alumno de Antonio Caneda, outro dos que sufriu as máis graves consecuencias do franquismo. As testemuñas dos familiares darán a coñecer non “só a vida e o labor dos mestres, senón que servirán para exemplificar como o silencio cubría estes asasinatos dos que non se soubo ata anos despois”, explicou Cid.
Nunha segunda parte da conferencia, o vicedecano centrarase no “triángulo da represión, tres concellos da provincia, Coles, Vilamarín e Amoeiro, nos que se concentraban os mestres máis activos a favor da educación republicana”. Neste foco exercían a súa profesión aproximadamente 12 mestres, que eran os que lideraban a Asociación de Traballadores do Ensino en Ourense (ATEO), dos cales “a maioría marchou ao exilio e dous foron asasinados”.
“Con esta brutal represión pasamos en Galicia de estar á cabeza de Europa no tocante á educación a estar 40 anos nas sombras”, afirmou Cid. Estes mestres son un referente histórico, “un modelo para todos os docentes, que fan que nos impliquemos moral e intelectualmente e que dignifican a profesión”.