DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A súa candidatura é a única presentada ás eleccións

Xosé Manuel Cid opta á súa reelección como decano da Facultade de Educación e Traballo Social

A votación da xunta de centro terá lugar o xoves 13 de abril

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Institucional
DUVI Ourense 10/04/2023

A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense está a celebrar eleccións para a renovación do seu equipo decanal. Este luns tivo lugar a proclamación definitiva de candidaturas, sendo a única presentada a liderada polo profesor da Área de Teoría e Historia da Educación Xosé Manuel Cid, actual decano do centro que opta a un segundo mandato á súa fronte. A votación da xunta de facultade terá lugar o xoves 13 de abril.

O equipo que acompaña a Xosé Manuel Cid é de total continuidade co actual, manténdose como vicedecanas e vicedecano Pino Díaz (Calidade); Ana Mª Iglesias (Educación Primaria e Normalización Lingüística); Isabel Mociño (Educación Infantil e Extensión Universitaria) e Francisco Javier Aguiar (Traballo Social e Sostibilidade), e como secretaria Raquel María Iglesias. “Temos a sorte de formar un equipo que vimos traballando moi unido e a idea é mantelo uns anos máis”, apunta o candidato.

Segundo explica Xosé Manuel Cid, os seus tres anos de mandato esgotaríanse o vindeiro mes de setembro pero decidiuse convocar eleccións antes de rematar este curso académico porque, lembra, “xa estamos planificando o curso que vén e os catro cursos que veñen co novo plan estratéxico da facultade que acabamos de aprobar” e, apunta, o coherente é facelo xa co equipo decanal que vaia estar á fronte do centro os vindeiros anos. Igualmente engade, tívose en conta a aprobación recentemente da Lei de Universidades, que trae “moitísimos cambios” e que suporá, dixo, “un desafío”.

Balance e retos

Sobre o mandato que agora se vai pechar, Xosé Manuel Cid destaca que “foi un mandato complicado porque nos colleu en pandemia” e foi necesario afrontar cambios continuos para responder á evolución da situación, entre eles optar polo ensino non presencial durante un tempo. Porén, superada esta crise de xeito satisfactorio, o actual decano apunta que esta etapa “tamén serviu moito para unir a toda a facultade”, xa que, recalca, “tivemos a toda a comunidade universitaria remando na mesma dirección”, tanto persoal docente e investigador como alumnado e persoal de administración e servizos.

A Facultade de Educación e Traballo Social, a de maior volume do campus de Ourense (con arredor de 1700 estudantes nos seus catro graos, catro mestrados e dous programas de doutoramento), é, apunta Xosé Manuel Cid, “un centro moi complexo” pero que conta “cunha infraestrutura similar á que ten calquera outro centro, que ao mellor ten só un título, e iso significa que as persoas que estamos aí temos que dar o triplo e realmente temos a sorte de contar con moita xente para dalo”. Así, subliña, na actualidade “hai máis de 50 persoas implicadas en temas de coordinación e colaboración en actividades, etc. e iso significa que non recae todo o traballo no equipo decanal. O meu papel de decano, e como pedagogo que son, é máis ben o de facilitador, conseguir que o ambiente favoreza o traballo de todas esas persoas dispostas a colaborar, que neste caso son moitas”. Neste senso, o docente recalca que “creo que temos un centro cun clima de traballo moi favorable, moi unido arredor do que é a facultade e da vertebración dos seus diferentes títulos” e o seu obxectivo é “seguir mantendo este clima de traballo conxunto e cooperación para abordar os desafíos que se nos presenten”.

Sobre o segundo mandato ao que aspira, Xosé Manuel Cid destaca de xeito primordial que “fixemos un plan estratéxico moi ilusionante para o traballo dos vindeiros anos” e agora tocará desenvolvelo. Coa súa execución, apunta, “trátase de consolidar aquelas cousas que fai ben esta facultade, que son moitas, e ao mesmo tempo apostar por algo novo, dado que nos gustaría ser un centro referente en temas de diversidade, tendo en conta que moitas das nosas titulacións e actividades apuntan a esa accesibilidade universal das persoas á educación”.

Respecto aos desafíos de futuro, o candidato a decano recalca que nun contexto no que se agarda en xeral un descenso de alumnado universitario pola caída demográfica, “é importante consolidar o que temos e pór en valor o que nos distingue, para animar ao alumnado a vir a estudar a Ourense”. Neste senso, subliña factores como o feito de que o Grao en Traballo Social é o único de carácter público en Galicia ou os 180 anos de formación de profesorado en Ourense, “un pasado que nos avala e que ten moito valor no noso camiño”. Por último, Xosé Manuel Cid inclúe entre os valores da Facultade de Educación e Traballo Social o feito de que é un “centro aberto á comunidade”, que trata de responder a todo tipo de colaboracións interesantes para mellorar a educación e os servizos sociais. “Temos a satisfacción de saber que somos un centro necesario na cidade e na provincia e que podemos colaborativamente con outras entidades facer moitas cousas”, afirma.