DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na reedición do libro "Educación e Ideoloxía en Ourense na IIª República"

Xosé Manuel Cid recupera a figura do mestre represaliado Rafael Alonso

Foi un dos 15 profesores ourensáns asasinados tralo levantamento de 1936

Etiquetas
  • Ourense
Rosa Tedín DUVI 03/12/2010
A recuperación da memoria histórica é un traballo no que a investigación que se realiza vén acompañada moitas veces de emoción, polos documentos e informacións que se manexan, polo testemuño dos que viviron ou coñeceron os feitos pero tamén polos pequenos achados que van sacando do anonimato a personaxes que teñen unha historia que contar. O profesor Xosé Manuel Cid, vicedecano da Facultade de Ciencias da Educación, así o transmite no seu libro Educación e Ideoloxía en Ourense na IIª República. Despois de vinte anos reedítase esta obra con novas historias de mestres represaliados e novos documentos que dan conta da importante reforma educativa daquel momento.

Entre as novas historias que recolle o libro, Cid salienta o caso de Rafael Alonso, mestre da escola ourensá de nenos de Amoeiro. “Un día a súa sobriña tróuxome un documento excepcional, de vinte páxinas, que este mestre escribiu mentres estaba preso”. O documento, que o libro reproduce, titúlase Proxecto Educacional e plasma o ideario da nova escola fraguada na Segunda República e que Cid resume explicando que “pasamos dunha escola onde o importante eran os contidos a unha escola onde o centro era o neno, e os contidos son os que se teñen que adaptar a el. Os nenos comezaron entón a aprender a ler e a escribir con cousas que tiñan significado na súa vida”.

Rafael Alonso foi “paseado” aos 35 anos, en 1937. No seu exercicio como mestre de Amoeiro, segundo nos explica Cid no seu libro, sempre estivo en confrontación co caciquismo local, o que o levou en 1934 á cadea por “inxurias ao Goberno” e de onde saíu libre tras unha manifestación dos veciños. “Neste contexto, nada máis comezar o levantamento franquista foi perseguido e encadeado, esperando a pena de morte ata o mes de setembro de 1937”, explica Xosé Manuel Cid. Durante a espera, escribe as vinte páxinas que recollen o seu ideario educativo e que agora se recuperan grazas á súa familia e a este libro.

O papel de ATEO

Rafael Alonso é un dos aproximadamente 2000 mestres galegos represaliados desde agosto de 1936 ata o remate da ditadura, 600 deles da provincia de Ourense. Entre este colectivo ourensán, Xosé Manuel Cid chama a atención sobre os aproximadamente 300 mestres que pertencían a ATEO, a Asociación de Traballadores da Ensinanza de Ourense.

“ATEO agrupaba ao maxisterio máis renovador e foron os que máis sufriron e dun xeito máis cruel, a represión, sobre todo no Partido Xudicial de Ourense, onde arredor do 85% dos represaliados eran desta asociación”, describe o vicedecano de Ciencias da Educación. Estas represalias ían desde a morte (15 profesores na provincia) ou o exilio (outros 15), ata a suspensión de soldo ou a separación definitiva da educación, como no caso de 150 educadores ourensáns. Sobre os que foron “paseados”, Cid salienta que non foron escollidos pola súa especial implicación en ATEO, xa que os máis activos se exiliaron ou esconderon a tempo, evitando así súa morte.

Como punto de inflexión na educación nese período, Cid sitúa 1931, cando os profesores de ATEO se suman por primeira vez á manifestación do 1 de maio como uns traballadores máis. “Nese momento os mestres deixan de ser transmisores da ideoloxía dominante, do poder, e empezan a preocuparse pola clase traballadora. Comezan a pór a súa confianza absoluta na educación para transformar a sociedade”, explica Cid. A proposta de nova escola de ATEO, que se iría plasmando na súa revista, tradúcese nunha escola laica, cunha reforma da formación e remuneración do profesorado, con misións pedagóxicas, escola para adultos e moitas outras iniciativas. Un posicionamento que coa caída da Segunda República traería consecuencias dramáticas para moitos mestres.

Ao longo das páxinas de Educación e Ideoloxía en Ourense na IIª República, Xosé Manuel Cid vai poñendo nomes e apelidos a estes profesores. Desde Albino Núñez, Luis Soto e Luis Acuña, ata Rosa Pons, Alfonso García Rojo e Antonio Caneda. Unha homenaxe á súa vida e ao seu pensamento renovador.