DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Compartiu a súa experiencia profesional co alumnado de CC.Sociais

Xosé Ramón Gayoso, presentador de Luar: "Sentín a chamada do espectáculo cando só tiña cinco anos"

Revelou que sofre desde hai unha década o acoso dunha persoa trastornada

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Bea Feijoo DUVI 24/11/2010

Como se da experiencia vital dun adolescente se tratase, o presentador Xosé Ramón Gayoso, deu conta este mércores ante o alumnado da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación da súa traxectoria á fronte de Luar, o programa decano da Televisión de Galicia tras 18 anos en antena. Tras recoñecer que só con cinco anos xa sentira a chamada do mundo do espectáculo, o presentador destacou a importancia da rigorosidade e revelou a parte máis negativa da fama que no seu caso failla vítima desde hai dez anos do acoso "dunha persoa trastornada, o que provoca que a popularidade se converta en algo perigoso", dixo.

Gayoso que participou este mércores nunha serie de relatorios que teñen a finalide de achegarlle ao alumnado da facultade experiencias profesionais dos eidos publicitario, audiovisual e de xestión, estanse a celebrar unha serie de encontros organizados por profesores da facultade con distintos profesionais do sector, relatou os seus inicios no campo da comunicación. Segundo o presentador, xa sentiu a chamada do espectáculo cando só tiña cinco anos, “cando subín por primeira vez a un escenario sentín o pracer que me producía, o feliz que era e desde aquela non quixen baixar”. Estudou Dereito, pero “logo souben que o mundo xurídico non me convencía”. Nese momento a Radio Televisión de Galicia estaba buscando persoal “e preparei o currículo para ver se entraba na asesoría xurídica da agrupación, pero dixéronme que estaba todo completo, que só quedaban abertas as seleccións de presentadores… e aquí estou”. Entre as máximas profesionais ás que aludiu destacou a rigorosidade documental, “aprender ben a historia e en definitiva ser un bo comunicador”.

Tras relatar algunhas das súas intervencións televisivas que o converteron nun home coñecido por todos, Gayoso referisue á vertente máis negativa de ser famoso, revelando que “desde hai máis de dez anos sufro o acoso dunha persoa trastornada ” o que provoca que a popularidade se converta en algo perigoso e preocupante.

Presenza de outros profesionais na facultade

Ademais do encontro con Gayoso, os alumnos de Publicidade puideron charlar con Juan Manuel Muñoz, xerente da empresa Avante Marketing&Medios, que ofreceu un relatorio sobre as tendencias actuais na medición de audiencias, planificación e compra de medios así como a realización de campañas publicitarias online. Pola tarde tamén se celebrou outra conferencia a cargo de José Rey Cabarcos, director de contidos da produtora Plural Entertaiment, que versou sobre os mercados de proxectos audiovisuais para a televisión en España.

O xoves tocará unha clase maxistral de marketing a cargo de Eva Mínguez, do Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas, que explicará as estratexias de proxección internacional deste viño galego.