DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Pinchos, música, danza, maxia e moitas máis actividades daranse cita en 'Ourense campus animado!'

O xoves, festa de benvida

Está convidada a asistir toda a comunidade universitaria ourensá

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Rosa Tedín DUVI 10/10/2011
Xa está todo e todos en marcha. Alumnado de grao, posgrao e de intercambio. Clases e actividades académicas, culturais e deportivas. O campus de Ourense está xa a pleno rendemento e polo tanto é un bo momento para festexar un novo curso académico. O Ourense campus animado! Leisure day encherá este xoves o campus de maxia, música, deporte, xadrez e moitas máis actividades. Unha festa de benvida á que toda a comunidade universitaria e as persoas interesadas está convidada a asistir e participar.

A xornada festiva, que está organizada pola Vicerreitoría do Campus de Ourense e as asociacións estudantís CUCO, Comités, ALEHOU e XOU, comezará ás 11.00 horas cunha mesa informativa sobre as asociacións de estudantes no Edificio Xuridico-Empresarial e cuxo obxectivo será fomentar o asociacionismo entre o alumnado e a difusión das actividades destas organizacións. Ademais, as técnicas de orientación do campus de Ourense explicarán aos interesados os servizos que teñen á súa disposición neste eido na Universidade de Vigo.

A partir de aquí desenvolverase un programa de actividades culturais no que os protagonistas serán os obradoiros que se ofrecen cada cuadrimestre no campus de Ourense. Deste xeito, ás 13.00 horas, no Edificio de Ferro e no Politécnico, o profesor do Obradoiro de Cociña, Martín Álvarez, ofrecerá unha degustación de balde de pinchos na que poñerá en práctica as leccións que se imparten nas súa actividade.

Os froitos dos obradoiros

Xa pola tarde, ás 18.00 horas, o alumnado do Obradoiro de Supervivencia e Rappel ofrecerá unha exhibición nas paredes do Edificio Politécnico; a Aula de Danza interpretará a peza Transpediante e o profesor do Obradoiro de Gaita Galega, Gonzalo Abelairas, ofrecerá un concerto coa Aula Gomes Mouro da que forma parte. Para completar a programación, a partir das 17.00 horas e coa campioa galega Graciela Gómez celebraranse partidas simultáneas de xadrez. Como peche de festa, o Mago Teto ofrecerá ás 20.15 horas, na sala multiusos do Edificio de Ferro, o seu espectáculo Tolemaxias.

“Trátase dunha festa de benvida na que o protagonismo estará nas mans das asociacións de estudantes e dos obradoiros do campus e que pretendemos teña vocación de continuidade os vindeiros anos”, salienta Filemón Rivas, responsable de Actividades Culturais do campus ourensán. Á festa, explica, están convidados a asistir todos os membros da comunidade universitaria e de fóra dela que o desexen. Entre eles, a organización do Ourense campus animado! Leisure day fai un especial convite á participación dos estudantes foráneos, pois é unha boa oportunidade de avanzar na súa integración na vida universitaria ourensá.