DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No marco dun convenio de colaboración coa Consellería de Facenda e Administración Pública

A Xunta convocará 24 cursos de formación para o PAS das universidades ao longo deste ano

O reitores asinaron o acordo este mércores co conselleiro Miguel Corgos

Etiquetas
  • PAS
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Académica
DUVI 09/02/2022

Ao longo deste ano 2022, o persoal de administración e servizos das tres universidades públicas galegas poderá ampliar a súa formación e actualizar os seus coñecementos grazas aos 24 cursos que convocará a Xunta de Galicia, a través da Escola Galega de Administración Pública (EGAP). Esta oferta académica é froito do convenio asinado este mércores polos tres reitores das universidades, Manuel Reigosa, da UVigo; Antonio López, da USC e Julio Abalde, da UdC, co conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos e a directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos.

Así, a EGAP convocará durante este ano un total de 24 cursos, para os que se ofertarán 1125 prazas dirixidas en exclusiva ao persoal de administración e servizos (PAS) das universidades galegas, ademais de darlles acceso aos programas de ofimática, idiomas, igualdade e prevención da violencia de xénero, autoformación e aos cursos da área de Unión Europea do Plan de formación de 2022. Todas estas accións formativas serán financiadas integramente pola Xunta cunha achega económica de 59.943,7 euros.

Xestión de recursos humanos, contratos ou transparencia, entre as temáticas

O acordo permitirá aos traballadores e traballadoras acceder a unha formación de calidade e actualizada sobre cuestións relacionadas coa Administración e o seu funcionamento. En  concreto, o catálogo formativo que deseñou a EGAP para este ano inclúe cursos sobre xestión de recursos humanos, subvencións, contratos do sector público, transparencia, seguridade da información ou xestión do estrés, entre outras materias.

Desde 2014, ano no que se iniciou esta colaboración coas universidades do SUG, a Escola Galega de Administración Pública programou en exclusiva para o persoal de administración e de servizos dos sete campus galegos un total de 240 cursos e máis de 11.600 prazas.