DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A través dun convenio coa Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica

A Xunta de Galicia consolida o seu apoio ao Máster en Consultoría de Software libre

Cunha achega de 30.000 para o seu financiamento

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
M. Del Río DUVI 16/07/2010

O software libre tense consolidado na actualidade como un modelo interesante e válido para empresas e administracións públicas, polo que se está a converter nun importante nicho laboral para os enxeñeiros informáticos. O Máster en Consultoría de Software libre posto en marcha pola ES de Enxeñaría Informática, que en setembro comeza a súa terceira edición, ofrece aos titulados a especialización necesaria para traballar neste campo. Agora, este mestrado vén de acadar o respaldo da Xunta de Galicia a través dun convenio de colaboración coa Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica para o seu financiamento. O reitor, Salustiano Mato, e a secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, María del Mar Pereira, asinaron o acordo de entre ambas institucións en virtude do cal, a Xunta achegará, a través da subdirección xeral de Desenvolvemento da Sociedade da Información, 30.000 euros para o cofinanciamento do mestrado, consolidando así a súa aposta por establecer accións de colaboración que contribúan a promover o desenvolvemento de proxectos dentro das áreas das tecnoloxías da sociedade da información e o coñecemento.

O mestrado recibe así un pulo importante xa que contará co apoio expreso do goberno galego para formar profesionais cun coñecemento amplo e sólido que os capacite para dirixir proxectos e levar a cabo tarefas nos ámbitos das TIC aplicando métodos, técnicas e ferramentas baseados no software libre.

Un mestrado aliñado cos obxectivos estratéxicos de Galicia

O apoio institucional a este mestrado recoñece o seu posicionamento estratéxico, aliñado cos obxectivos de Galicia no ámbito da TIC e valora a resposta que ofrece a unha necesidade de formativa e de mercado que non se estaba cubrindo. Estes estudos son unha consecuencia tamén da estratexia FLOSS fixada en 2010 pola Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica da Xunta, que implica que nos próximos anos se necesitarán profesionales con amplas competencias na aplicación do software libre ás necesidades empresariais.

Estas competencias van dende a consultoría de negocio e tecnolóxica ata o desenvolvemento de solucións ou a migración de datos, pasando pola interoperabilidade con sistemas propietarios ou a implantación de sistemas de seguridade e protección de datos. O Máster en Consultoría de Software libre comprende catro módulos (Tecnoloxías de Desenvolvemento de Software Libre; Ferramentas de Software Libre para Intelixencia de Negocio; Administración e Dirección das TIC; Seguridade e Lexislación en contornas de software libre) e ten unha carga lectiva de 60 créditos ECTS, un ano de duración e natureza semipresencial, co obxectivo de que poida ser cursado tamén por profesionais do mundo da empresa e o seu orzamento total para o ano 2010 é de 76.331 euros.