DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O prazo de presentación de solicitudes remata o 23 de agosto

A Xunta de Galicia destina por primeira vez 12 axudas predoutorais ao Campus do Mar

O obxectivo é establecer iniciativas de alto impacto en sectores estratéxicos para Galicia

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
DUVI 02/08/2012
O Programa de apoio á etapa predoutoral da Xunta de Galicia implica, por primeira vez, ao Campus do Mar no financiamento de contratos de novos investigadores. Dentro desta convocatoria de axudas de predoutoramento, ofrécense 12 bolsas para investigadores interesados en desenvolver a súa carreira investigadora ao abeiro do Campus de Excelencia Internacional da Universidade de Vigo.
O programa comprende un total 99 axudas, 12 das cales están destinadas ao Campus do Mar, e outras 12 ao Campus Vida da Universidade de Santiago de Compostela. Este apoio institucional da Consellería de Educación reflíctese tamén na contía destas axudas, de 22.000 euros anuais brutos, fronte aos 19.000 euros da modalidade xeral desta convocatoria. O prazo de presentación de solicitudes remata o vindeiro 23 agosto.

Un mar de innovación

O Programa de apoio á etapa predoutoral enmárcase dentro do Plan galego de investigación, innovación e crecemento 2011-2015 (I2C) e financia contratos anuais cunha duración máxima de tres anos nas etapas iniciais da carreira investigadora. A finalidade é que o sistema de investigación acade a dimensión dos seus recursos humanos comparable con outros países e fíxase tamén nesta edición e por primeira vez, en sectores singulares de Galicia. Por iso, esta convocatoria destina 12 bolsas específicas para o Campus do Mar co obxectivo de establecer iniciativas de alto impacto en sectores estratéxicos e onde Galicia posúe contrastada potencialidade, como é o mar.

As solicitudes destas bolsas de predoutoramento para o Campus do Mar deben cinguirse ás temáticas que abrangue o campus de excelencia, indicando a que clúster se opta dos catros que o conforman: Observación do océano e cambio global; uso sustentable dos recursos mariños; xestión integral do mar e progreso tecnolóxico, enxeñaría e xestión empresarial.

A convocatoria completa e requisitos poden consultarse no DOG.