DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Esta semana presentouse o proxecto en Fitur

A Xunta de Galicia manifesta o seu apoio institucional á candidatura de Vigo para ser sede da Universiada de 2013

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
DUVI DUVI 31/01/2008
O Consello da Xunta de Galicia manifestou este xoves o seu apoio institucional á candidatura de Vigo para ser sede da Universiada do verán de 2013, un evento que foi cualificado como “un grande proxecto económico, social, deportivo e cultural que repercutirá na área de influencia da cidade olívica e no conxunto de Galicia, ao tempo que pode ser unha oportunidade extraordinaria para proxectar ao noso país no ámbito internacional”.
Esta declaración de apoio institucional faise nunha semana na que o Concello, a Xunta e a Universidade aproveitaron a Feira Internacional de Turismo de Madrid (Fitur), considerada a feira de turismo máis importante do mundo, para presentar o proxecto de Vigo para 2013.
O acto, que se celebrou no salón de actos do stand de Turgalicia, estivo presidido polo vicepresidente da Xunta de Galicia, Anxo Quintana. Acompañando o número dous do Goberno autonómico estiveron o reitor da Universidade de Vigo, Alberto Gago; o alcalde de Vigo, Abel Caballero; o tenente de Alcalde, Santiago Domínguez; o concelleiro de Deportes, Xavier Alonso, e o director xeral de Turismo da Xunta, Rubén Camilo Lois González.
Alberto Gago quixo transmitir a importancia que a Universiada tería para a institución viguesa e o seu legado, tanto nas infraestruturas como no fomento do deporte universitario, onde se referiu aos estudantes vigueses Lúa Devesa e Miguel Romero, participantes en Bangkok 2007.
O encargado de pechar o acto foi o vicepresidente da Xunta de Galicia, Anxo Quintana, quen salientou que se trata dunha "proposta ambiciosa, pero tamén seria e realista, que representa unha oportunidade para a cidade e tamén para os participantes". Quintana destacou que Vigo é a maior cidade de Galicia, o seu porto está entre os máis importantes do mundo, conta cunha importante oferta hoteleira e o seu aeroporto rexistrou en 2007 máis de 1,4 millóns de pasaxeiros. Lembrou ademais que Vigo dispón dun tecido empresarial innovador e dinámico e dun puxante sector universitario e cultural.