DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo o acordo adoptado polo Consello de Goberno

A Xunta de titulación de ADE perfilará os futuros graos en Ciencias Empresariais que se impartirán en Vigo e Ourense

Confirmouse un cuarto prazo de pago da matrícula e aprobouse o protocolo para sistemas de videovixil

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 09/06/2009

A Xunta de titulación de ADE (Administración e Dirección de Empresas) encargarase de dar cumprimento á instrución da Consellería de Educación para a elaboración dos graos vinculados coas Ciencias Empresariais que comezarán a impartir o curso 2010-2011 nos campus de Ourense e Vigo. Por 19 votos a favor, 1 en contra e 11 abstencións o Consello de Goberno celebrado hoxe acordou que sexa a Xunta de titulación de ADE, que integra a representantes da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, da Escola de Ciencias Empresariais e da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, a que se encargue de acordar o perfil dos novos graos a implantar e logo que a Escola de Torrecedeira e a Facultade de Ourense, traballen na elaboración de cadansúa memoria.
Unha decisión que estivo precedida das intervencións dos responsables de ambos centros que defenderon que fosen eles de xeito unilateral os encargados da preparación dos novos graos. Deste xeito, José Carlos Yáñez, decano da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, afirmou que “aínda que non poñemos en dúbida que haxa un método de coordinación a mellor fórmula é a elaboración dentro do propio centro”, mentres que Patricio Sánchez, director da Escola de Ciencias Empresariais non desbotou a idea de que existise unha coordinación entre os centros de Vigo e Ourense, aínda que tamén solicitou que sexa “a Xunta de Escola a que elabore o grao”. Pola súa banda o decano da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, Santiago Gómez, defendeu que “haxa unha coordinación tamén co grao de ADE que comezará a impartirse o vindeiro curso”.
Por parte do equipo de goberno tanto o reitor, Alberto Gago, como a vicerreitora de Titulacións e Converxencia Europea, Carmen García Mateo, coincidiron en lembrar que despois da instrución ditada pola Consellería de Educación “a Universidade de Vigo ten que cumprir e o razoable é trasladar esta responsabilidade a unha xunta de titulación onde están representados todos e logo que os centros decidan”, sinalou Gago. Unha opinión que non compartiu desde as filas de Nova Universidade, Manuel Ramos, que demandou que antes de determinar a xunta de titulación máis axeitada se definises os títulos a elaborar. Mentres, para o reitor da Universidade de Vigo, o procedemento adoptado “é cauteloso e relativamente sinxelo. Así que primeiro que a Xunta de titulación de ADE acorde o perfil e logo que cada centro traballe na elaboración da memoria”.

Un cuarto prazo para o pago da matrícula

O vindeiro curso o alumnado da Universidade de Vigo disporá dun prazo máis para facer fronte ao pago da matrícula. Segundo se confirmou no Consello de Goberno, aos tres prazos actuais súmase un cuarto de xeito que o primeiro deles coincidirá coa matriculación, o segundo queda fixado o 15 de decembro, o terceiro o 15 de febreiro e o cuarto o 15 de marzo. Sen embargo esta data, anunciada pola xerente da Universidade de Vigo, Ana Fernández Pulpeiro, podería ser modificada retrasándose un mes. Deste xeito atenderíase a petición formulada na sesión de Consello de Goberno celebrada hoxe por Iago Fariñas, vicedecano de Estudantes da Facultade de Dereito que solicitou “un retraso do último prazo de xeito que transcorran, polo menos, dous meses desde o pago anterior”. A viabilidade de adiar este novo prazo que segundo Fariñas “permitirá ao alumnado afrontar con máis tranquilidade o pago da matrícula”, será estudado pola Xerencia que lembrou a obriga de domiciliar os pagos cando se realiza un pago fraccionado.

Sistema de videovixilancia

Con ningún voto en contra, catro abstencións e 28 votos a favor o Consello de Goberno aprobou o protocolo de utilización de sistema de videovixilancia que regulará o uso nos campus e instalacións da Universidade de Vigo, “compatibilizando axeitadamente o obxectivo da seguridade co respecto aos dereitos das persoas”, destacou a vicerreitora de Economía, María Montero.
A normativa elaborada pola Secretaría Xeral e que conta co visto e prace da Asesoría Xurídica establece que unicamente se admitirá o uso de sistemas de videovixilancia co fin de controlar o acceso aos edificios e aos aparcadoiros e por razóns de seguridade interior de edificios en zonas comúns e en instalacións deportivas.
A instalación e uso das videocámaras precisará, unha vez realizada a correspondente solicitude por parte dos responsables dos centros e instalacións, da autorización da Comisión de Planificación e Asuntos Económicos, previo informe da Vicerreitoría de Planificación. En canto á responsabilidade do tratamento dos datos, a secretaria xeral, Esther González, confirmou que “o responsable do tratamento dos datos é a Universidade de Vigo, e unha empresa de seguridade será a encargada do almacenamento dos datos e do seu tratamento”.
Mentres o PAS Horacio Villar interveu na sesión para solicitar a retirada do punto da orde do día ata que se garanta que non hai unha alternativa menos intrusiva para garantir a seguridade que a video, o presidente da Xunta de persoal, Xoan Cebro, centrou a súa intervención en preguntar se as cámaras ademais de vixiar podían gravar. Sobre esta última cuestión a secretaria xeral confirmou que aínda que as cámaras “teñen a posibilidade de gravar, iso non quere dicir que o fagan”, ao tempo que lembrou a existencia de denuncias por roubos no campus de Vigo.

Límite de prazas e outros asuntos

O Consello de Goberno deu luz verde á modificación e ampliación do límite de prazas para o curso que ven, unha revisión da xa aprobada nunha sesión anterior e determinada por unha banda pola solicitude da CIUG dos límites de entrada nos segundos ciclos, incluso para titulacións que non ofertaban entrada en primeiro curso por ter previsto a implantación do grao e polas instrucións da Consellería de Educación en relación coa matrícula da Escola de Ciencias Empresariais que se situará en 220 prazas, as mesmas que este curso. Isto implica, unha revisión do límite de entrada no Grao en ADE que se sitúa en 240 estudantes.
Por outra banda o Consello de Goberno aprobou a liquidación e memoria económica do ano 2008, así como a memoria da OTRI.
Do ámbito docente aprobouse a modificación da normativa do profesorado de substitución, a normativa de elaboración, aprobación e publicación de guías docentes ,a proposta da CIUG sobre valores provisionais de ponderación de materias de bacharelato para acceso ás ensinanzas oficiais de grao e a normativa de suspensión e extinción de estudos oficiais de mestrado.

Límite prazas para o 09/10 en Ourense (848 Kb)

Límite prazas para o 09/10 en Pontevedra (252 Kb)

Límite de prazas para o 09/10 en Vigo (1,20 MB)