DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Alfonso Rueda e Manuel Reigosa mantiveron un encontro en Santiago

Xunta e Universidade avanzan na posibilidade de que o edificio dos xulgados albergue actividades docentes 

Hoxe entregáronse 27 premios fin de carreira a alumnado vigués

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Premios
  • Reitor
  • Institucional
DUVI 01/03/2019

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, mantiveron esta mañá un encontro en Santiago de Compostela no que analizaron a posibilidade de que unha vez se trasladen os xulgados de Vigo á Cidade da Xustiza, o edificio poida albergar actividades docentes da Universidade. Na xuntanza, na que tamén participou a conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, o vicepresidente da Xunta lembrou que un dos edificios lle foi ofrecido ao Ministerio de Cultura para ubicar a Biblioteca do Estado, e o Goberno galego está á espera da reposta definitiva do executivo central. 

Rueda, que lembrou que obxectivo da Xunta é que se manteña o uso público dos edificios e que sigan funcionando e xerando dinamismo na zona, sinalou que aínda quedaría outro inmoble libre, no caso de que finalmente se ubique a Biblioteca, ou mesmo os dous edificios, se o Ministerio finalmente non quixese poñer en marcha a biblioteca. Pola súa banda, o reitor da Universidade de Vigo amosou o seu interese en dispoñer dos edificios e desenvolver neles actividades docentes.

Ambas institucións deixaron a porta aberta a continuar neste marco de entendemento e cooperación e colaborar con outras infraestruturas e dotacións que se atopan nos campus da Universidade. 

27 premios fin de carreira para o alumnado vigués que rematou estudos en 2017 no SUG 

19 egresadas e oito egresados da Universidade de Vigo recibiron hoxe os premios fin de carreira para o alumnado que rematou os seus estudos no ano 2017 nas universidades do SUG. Nun acto celebrado en Santiago de Compostela a Xunta entregou esta mañá 68 galardóns, dos que 30 corresponderon a estudantes da Universidade de Santiago, 27 á de Vigo e 11 á de Coruña. Do total de estudantes galardoados 46 son mulleres e 22 homes e por titulacións, cómpre destacar que por primeira vez se outorgaron recoñecementos a estudantes que cursaron as simultaneidades de graos, en concreto Dereito e Administración de Empresas (na opción de Dereito) e Turismo e Ciencias Empresariais (opción de Turismo).

Na súa intervención a conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, felicitou ao estudantado premiado, así como as súas familias e docentes e convidounos a compartir “este talento, intelixencia, bondade, solidariedade, coñecementos e os valores que fixestes vosos, porque o valor das excelencia non está unicamente na obtención dos bos resultados académicos”. Neste acto, a titular de Educación avanzou que o seu departamento ten previsto poñer en marcha este ano un programa de incorporación de recursos humanos posdoutorais aos centros e unidades de I+D do Sistema Universitario de Galicia, acción que forma parte do Plan de captación e retención de talento investigador que está a preparar a Xunta de Galicia. Segundo Pomar, a actuación permitirá “promover a mellora das capacidades de investigación e o fortalecemento dos grupos mediante a atracción e promoción de persoal. Un paso máis para acadar a excelencia que consiste, tamén en compartir e poñer o talento a disposición para lograr un mundo mellor”, dixo Pomar.

A primeira acción do Plan de captación dividirase en dúas modalidades: unha dirixida a persoal que non estivese contratado nunha universidade ou institución científica galega nos últimos 24 meses, e unha segunda orientada a persoal investigador que si traballo nunha universidade do SUG ou institución científica galega no último ano. O número máximo de axudas será de 15 e a duración máxima dos contratos será de catro anos cun custo estimado de 50.000 euros anuais.