DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O presidente da Xunta referiuse a el como “o máis ambicioso da historia das universidades galegas”

Xunta e universidades asinan o Plan Galego de Financiamento Universitario 2022-2026 dotado con 3200 m€

En nome dos tres reitores, Reigosa cualificou este día de “espléndido” e gabou a calidade do SUG

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Reitor
  • Institucional
DUVI 18/02/2022

“O máis ambicioso da historia das universidades galegas”. Así se refería este venres o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ao novo Plan Galego de Financiamento Universitario 2022-2026, un  documento asinado en Santiago de Compostela entre a Xunta e as universidades  de Vigo, A Coruña e Santiago de Compostela e que suporá unha mobilización de 3200 millóns de euros nos vindeiros cinco anos, centrada en eixos como a docencia innovadora, a internacionalización ou a investigación avanzada. Para o reitor da Universidade de Vigo Manuel Reigosa, que falou en nome dos tres reitores do SUG, sinalou que o acto de hoxe “vén a subliñar o excelente traballo que se está a facer por parte do Sistema Universitario Galego”, ao tempo que cualificou este día de “espléndido” e gabou o sistema universitario galego composto por tres universidades públicas de elevada calidade.

Froito directo do compromiso e do diálogo entre as tres universidades e o executivo galego, tal e como se resaltou hoxe na sinatura do acordo, o presidente da Xunta destacou que con este documento “se dá garantía ás universidades, en materias como a viabilidade financeira, a contratación do persoal ou o posicionamento do sistema universitario galego dentro do europeo”, asegurou, incidindo nas marcas de identidade do SUG:  a internacionalización; a mellora das relacións co mundo laboral, “dun xeito constante e permanente”; a docencia innovadora; a investigación avanzada; e a sustentabilidade, “porque a universidade do S.XXI ten que ser proactiva co coidado do medio ambiente”. Máis polo miúdo, o titular do Executivo autonómico explicou que o novo plan se divide en dous fondos: un financiamento non condicionado, é dicir, fondos de libre disposición para os campus, como por exemplo, para gasto corrente e mantemento de infraestruturas, ou para o plan de viabilidade financeira, eficiencia e mellora enerxética; e un financiamento da investigación para impulsar a I+D+i, cun 41% máis de investimentos, ata chegar aos 400 millóns de euros no quinquenio.

Ao longo da súa intervención, Feijóo salientou que, cun plan de financiamento a medio prazo, a comunidade é pioneira en dar estabilidade e certezas ás universidades, así como tamén o foi “na conxelación das taxas de matrícula desde o curso 2011-2012”, engadiu. “En definitiva, estamos ante un acordo que blinda a capacidade financeira e o funcionamento destas institucións e que dá estabilidade e certezas a todos os campus. Un acordo de país que amosa que a capacidade de diálogo e a cooperación entre as administracións e institucións públicas son claves para chegar a consensos e avanzar”, concluíu.

Un recoñecemento “implícito e explícito” da importancia da universidade pública galega

Desde o punto de vista dos tres reitores galegos, Manuel Reigosa subliñou que “os galegos e galegas poden estar orgullosos do traballo que se leva feito, tanto por parte da administración, como das tres universidades, para que estas teñan un papel moi relevante no mundo e que tanto no ámbito nacional como internacional sexan universidades recoñecidas”, dixo Reigosa, que destacou que as tres institucións están a cumprir con esixencia e rigor e coas tres funcións primordiais: na docencia, na investigación e na transferencia.

O reitor vigués, en nome dos seus homólogos, destacou os exemplos de coordinación que se están a dar, chegando “mellor a acordos que a pelexas” e deixando fóra da loita “o que son as cuestións do país”, para o que citou como exemplo os acordos acadados en relación co mapa de titulacións e co financiamento. Para o reitor vigués esta é unha boa nova “porque pensamos máis no país, en Galicia, que na propia universidade á que representamos”.

No seu discurso, Reigosa referiuse tamén ao que considera dous éxitos do sistema universitario galego: dunha banda, “unhas taxas que sempre se acordou que estiveran na banda baixa” e, doutra, os plans de financiamento plurianuais, que permiten programar o traballo futuro e facer fronte aos retos con certa tranquilidade. En canto ao Plan asinado hoxe, o reitor vigués lembrou que supera a todos os anteriores, “non só polas cantidades, senón por como está debullado”, un traballo polo que eloxiou á Consellería de Facenda e nomeadamente ao seu titular Valeriano Martínez, recentemente falecido. “Ademais de estar agradecido polos cartos que se poñen á nosa disposición para facer o noso traballo, estou dobremente agradecido porque hai un recoñecemento implícito e explícito de que a universidade pública galega xoga e ten que xogar un papel importante para o desenvolvemento do país”, dixo Reigosa, que lembrou que a universidade de futuro, á que se fai referencia no Plan, debe ser máis internacional, ademais de axustar a súa oferta académica ás necesidades do país, ser máis innovadora e apostar pola transparencia e o control.