DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dirixido a avaliar as necesidades formativas do sector definido como “estratéxico”

A Xunta e as universidades de Vigo e Santiago constitúen unha comisión permanente para a mellora da formación forestal

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Institucional
DUVI Pontevedra 14/06/2023

Representantes da Xunta de Galicia e das universidades de Vigo e Santiago de Compostela reuníronse este mércores para constituír a comisión permanente de traballo para a mellora da formación forestal universitaria en Galicia, unha medida recollida no Plan Forestal 2021-2040 Cara á neutralidade carbónica, da administración galega. Segundo informou a Consellería do Medio Rural, nesta xuntanza participaron os directores xerais de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, e de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez; o director da Axencia Galega da Industria Forestal, Jacobo Aboal; o director da Escola de Enxeñaría Forestal do campus de Pontevedra da UVigo, Juan Picos, e a directora da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo (USC), Rosa Romero.

Segundo informou a Xunta, esta comisión permanente busca avaliar as necesidades formativas que hai no sector forestal, “para poder mellorar a relación entre a demanda e a oferta que hai actualmente no sistema universitario galego”. Trátase, como engade a administración galega, de “sumar e coordinar sinerxías para impulsar a xestión forestal mediante un ensino universitario adaptado ás necesidades detectadas e que garanta transferencia de coñecemento para mellorar un sector estratéxico en Galicia nun momento decisivo para o seu futuro”. 

Nese senso, Picos lembra que o "carácter esencial" do sector forestal recóllese tamén no Plan Estratéxico de Galicia 2021-2030, así como na estratexia de especialización intelixente RIS3 Galicia 2021-2027. Do mesmo xeito, o director do centro do campus pontevedrés incide tamén en que o eixe V.4 do Plan Forestal de Galicia fai referencia ao "mantemento da oferta formativa no Sistema Universitario de Galicia e o traballo no desenvolvemento da oferta futura tanto no nivel de grao como de máster ou de doutoramento", á vez que lembra que o Grao en Enxeñaría Forestal "é habilitante para exercer a profesión regulada de enxeñeiro técnico forestal".