DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun seminario dirixido polo catedrático Jaime Cabeza

Xuristas colombianos especilízanse no campus en conciliación laboral

Os expertos apostan por protexer as políticas de flexibilidade ante os recortes laborais

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
DUVI 02/07/2012
En tempos de crise e cos dereitos laborais en pleno retroceso, os expertos demandan a protección das políticas de conciliación da vida familiar e laboral para asegurar a igualdade de oportunidades efectiva. Así o expoñen ao longo desta semana expertos de universidades de toda España nun seminario sobre Flexibilidade no emprego e conciliación da vida familiar e laboral en tempos de crise, dirixido polo catedrático Jaime Cabeza e ao que asisten un grupo de 22 estudantes e profesores de Dereito da Universidad La Gran Colombia de Bogotá.

A actividade, organizada ao abeiro do Módulo Europeo Jean Monnet Conciliation of labour and family-life and co-responsability between sexes in Communitarian Social Law, inaugurouse este luns no salón de graos da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo e alí coincidiron, ademais do director do curso, a responsable da Unidade de Igualdade, Anabel González Penín; a decana da facultade, Ana Pita e o vicerreitor de Relacións Internacionais, Manuel Fernández Iglesias.

Todos coincidiron na necesidade de seguir a aumentar a concienciación social sobre esta temática, así como na oportunidade que brindan este tipo de encontros para seguir a avanzar nestas políticas. “É evidente que vivimos tempos difíciles cun escenario moi complicado para lograr conciliar traballo e vida familiar pero temos que enfrontarnos a esta situación como un reto no que, cando menos, temos que conseguir manter os avances conseguidos”, subliñou o vicerreitor de Relacións Internacionais, que lles explicou tamén aos asistentes que un dos obxectivos fundamentais da Universidade de Vigo “é intensificar as relación con Latinoamérica, e Gran Colombia está entre as nosas prioridades”.

Programa “moi apertado” que se prolongará ata o 11 de xullo

Cun programa “moi apertado”, como subliñou Ana Pita, o seminario prolongarase ata o día 11 de xullo. “Son oito días lectivos nos que imos combinar docencia teórica impartida por profesores de diferentes universidades españolas coa visita a diferentes organismos nos que se vai poder encadrar en contexto o que aquí se vai tratar”, explicou o catedrático Jaime Cabeza, que foi o encargado de presentar ao primeiro dos poñentes, o profesor da Universidade de Santiago de Compostela, José María Miranda Boto.

Durante as 60 horas de duración deste seminario, os asistentes afondarán en cuestións de Dereito Social Comunitario que afecten á conciliación da vida familiar e laboral e á actual Estratexia Europea de Emprego iniciada no ano 2010. Abrangueranse materias como o principio de igualdade por razón de xénero, a igualdade no acceso ao emprego e nas condicións de traballo, a protección da maternidade, os permisos parentais e a conciliación, o papel da negociación colectiva na consecución da igualdade, a regulación do tempo de traballo e as medidas de flexibilidade nas relacións laborais, etc. Ademais da visión europea realizarase un achegamento específico á regulación española e tamén un breve percorrido polo Dereito portugués.

O programa inclúe, ademais de relatorios de expertos das universidades de Vigo, Santiago e País Vasco, visitas ao Consello Galego de Relacións Laborais, á Facultade de Dereito da USC, á planta de PSA Peugeot Citroën e á Universidade Católica de Porto. Os asistentes tamén poderán escoitas as achegas de representantes da xudicatura, como Fernando José Lousada, maxistrado do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e Germán Serrano, xuíz decano dos Xulgados de Vigo.

Cara á Estratexia Europa 2020

A Estratexia Europa 2020 é a resposta do Consello de Europa á crise económica e aos seus efectos negativos sobre o emprego. Nos presupostos esenciais da nova política de emprego comunitaria, ocupa un lugar preponderante a flexibilidade das condicións de traballo na procura da ‘flexiguridade’. Neste contexto, a conciliación da da vida familiar e laboral pasa a ocupar un lugar prioritario nas políticas da Unión Europea e configúrase como un requisito indispensable para acadar a igualdade de oportunidades efectiva.

O tránsito desta igualdade formal á igualdade material precisa dun papel especialmente activo dos homes. Os investigadores que traballan neste eido destacan que é imprescindible o entendemento de que as responsabilidades familiares e as cargas domésticas corresponden aos dous xéneros en común e por igual. Avogan porque os homes adopten por igual obrigas e cargas familiares, cando ambas partes da parella traballan fóra da casa e destacan a necesidade de promover medidas de conciliación dirixidas exclusivamente para o varón.