DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Será o 13 e 14 de outubro nas II Xornadas sobre Comunicación e Xustiza

Xuristas e comunicadores reflexionarán sobre a información en casos xudiciais sensibles

Participará o maxistrado da Audiencia Nacional Fernando Grande-Marlaska

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 10/10/2011
Dentro do traballo dun xornalista, hai un tipo de novas onde o rigor e a responsabilidade no manexo da información é especialmente delicado. É o caso da información xudicial. Para reflexionar sobre a comunicación en casos sensibles, como nos supostos de violencia de xénero, e sobre os xuízos mediáticos, xuristas e comunicadores reuniranse os días 13 e 14 de outubro nas II Xornadas sobre Comunicación e Xustiza. Información sobre Casos Sensibles. Entre o destacado panel de relatores que se achegará a Ourense para participar nesta cita estará o maxistrado da Audiencia Nacional Fernando Grande-Marlaska.

As xornadas, organizadas pola Universidade de Vigo e o Consejo General del Poder Judicial, serán inauguradas o día 13 no Centro Cultural da Deputación de Ourense por María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense; Inés Iglesias Canle, profesora da Universidade de Vigo e directora das xornadas xunto a Antonio Dorado; José Luis Baltar, presidente da Deputación de Ourense; Ernesto Pedrosa, presidente do Consello Social da Universidade de Vigo; Fernando de Rosa, vicepresidente do Consejo General del Poder Judicial, e Arturo González, decano do Colexio de Avogados de Ourense.

Trala inauguración oficial celebrarase unha mesa redonda sobre a información xudicial nos supostos de violencia de xénero que contará coa participación de Inés Iglesias; Mª Ángeles Carmona, secretaria xudicial; Cristina Villanueva, xornalista de La Sexta, e Agustín Zurita, director de comunicación do Consejo General del Poder Judicial.

Procesos mediáticos

O segundo día de traballo, a sesión comezará cunha mesa redonda sobre a incidencia da noticia xudicial nos procesos mediáticos que contará coa participación de Fernando Grande-Marlaska, maxistrado da Audiencia Nacional. Tamén estarán Fernando Ramos, profesor da Universidade de Vigo; Raúl Quián, xornalista da TVG, e María Montero, directora de comunicación do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Ás 12.00 h celebrarase o acto de clausura coa participación de Miguel Ángel Michinel, decano da Facultade de Dereito, e Antonio Dorado Picón, vogal do Consejo General del Poder Judicial e director das xornadas xunto á profesora Inés Iglesias Canle.

As II Xornadas sobre Comunicación e Xustiza están especialmente dirixidas a estudantes e egresados de Dereito, a profesionais do ámbito xudicial, como xuíces, maxistrados, fiscais, avogados e funcionarios da administración de Xustiza, e a profesionais da comunicación e o xornalismo. Co panel de relatores que participarán nas conferencias e coas temáticas que se abordarán, os responsables da iniciativa agardan que os asistentes coñezan mellor os procesos e consecuencias do tratamento da información en casos xudiciais.