DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Piden que non se permita á muller non declarar contra o agresor

Xuristas e psicólogos chaman a atención sobre a bolsa oculta de violencia sexual en parellas e adolescentes

Na presentación do libro 'Violencia de género. La violencia sexual a debate'

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI 15/12/2010
“A violencia sexual que se produce na parella, en contraposición á causada por estraños, é máis invisible, máis frecuente e ten uns efectos máis devastadores na persoa polo espazo íntimo no que se produce”. Así poñía sobre a mesa María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense, o tema da actual invisibilidade da violencia sexual na sociedade, facendo tamén fincapé en que, en contra do que se soe pensar, este tipo de violencia no só se produce en matrimonios adultos senón que cada vez é máis detectado en relacións breves entre mozos.

Estes e outros aspectos foron analizados este mércores na presentación do libro Violencia de género. La violencia sexual a debate, do que son coeditoras a propia María Lameiras e Inés Iglesias, profesora da Facultade de Dereito. Unha obra que recolle os relatorios dunhas xornadas realizadas o pasado ano e que intenta avanzar no difícil papel dos xuristas nos procesos de violencia. “Este traballo quere amosar aos operadores que traballan neste ámbito cales son mecanismos legais que ofrece o sistema para dar unha solución xurídica ás vítimas” salientou Inés Iglesias.

Antonio Dorado, membro da Comisión de Igualdade do Consello Xeral do Poder Xudicial, fixo fincapé na presentación do libro da difícil situación que se dá nos casos de violencia sexual, nos que “moitas veces queda nun halo de impunidade para o agresor e de desprotección para a muller porque se produce no ámbito do privado, do íntimo”. Como cifras ilustrativas, Dorado sinalou que arredor do 69% das mulleres que padecron violencia de xénero foron obrigadas a ter prácticas sexuais e que o 49% foron forzadas a ter relacións sen protección. Para ilustrar o caso da violencia entre os máis novos, apuntou outro dato revelador, que entre o 50 e o 70% dos mozos recoñecían nunha enquisa ter estado implicado nunha situación de agresión de xénero. Uns datos que, na súa opinión, son “a punta do iceberg”.

Inmaculada Montalbán, presidenta do Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero e presidenta da Comisión de Igualdade Consello Xeral do Poder Xudicial, cualificaba ademais esta situación de “bolsa oculta de violencia que aínda non acabou de aflorar” porque as mulleres aínda teñen medo a non ser cridas, a entrar na maquinaria xudicial e a non ter os recursos necesarios para enfrontar unha nova vida.

O mito da falsa denuncia

Contra estes medos, Montalbán salientou que na xustiza xa “non existe a impunidade en cuestións de violencia de xénero”. Así destacou que o 80% das sentencias por casos deste tipo son condenatorias e que desde que comezaron a traballar os novos xulgados de violencia de xénero produciuse unha gran mellora. No caso de Galicia isto tradúcese, segundo os seus datos, en que desde xaneiro a setembro deste ano, nestes xulgados só desistiron das súas denuncias o 7,1% das mulleres, fronte ao 11% de media estatal. “As mulleres están cada vez más fortalecidas e informadas á hora de denunciar”, afirmou.

No caso das sentencias que non son condenatorias, a presidenta do Observatorio contra a Violencia Doméstica apuntou o matiz importante de que “unha denuncia que remata nunha sentencia absolutoria non é porque sexa falsa, é porque non hai elementos probatorios suficientes”. Con esta aclaración quixo desbotar o “mito” das falsas denuncias por violencia de xénero e puxo como dato que dun estudo realizado entre 530 sentencias deste tipo os tribunais só recomendaron estudar a posible falsidade nun caso. “As mulleres non denuncian por capricho ou por ter beneficios nos procesos de separación. O primeiro que teñen cando denuncian é pavor e cando o fan é porque xa non poden máis”, asegurou.

Sobre as dificultades do proceso que enfrontan unha vez presentada a denuncia, Montalbán salientou que “o labor de recollida de información e probas que se fai polos corpos de seguridade ten mellorado notablemente”. Un factor fundamental xa que segundo afirmou “o 70% dos casos de violencia prodúcense dentro da casa, sen testemuños e isto no procedemento xudicial ten moita repercusión á hora de probar os feitos”.

Para continuar mellorando os instrumentos e mecanismos xudiciais, Antonio Dorado apunta ademais a necesidade de reformar a lei de enxuizamento, “para que se elimine a posibilidade de que nun caso de agresión de tipo sexual ou de xénero non se permita non declarar contra o agresor”.