DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A UE organiza unha campaña para fomentar a mobilidade, a educación e o emprego entre os mozos e moza

A xuventude europea 'móvese' en Tui esta fin de semana

A partir do venres terán lugar sesións informativas, obradoiros e actividades culturais e deportivas

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
DUVI 23/10/2012
Xuventude en Movemento é unha iniciativa da Unión Europea que pretende fomentar a mobilidade, a educación, o emprego e o espírito empresarial entre a xuventude. Para dar a coñecer esta iniciativa a Comisión Europea está a desenvolver en diversas cidades europeas unha campaña de información e sensibilización, que chega a Tui-Valença os días 26 e 27 de outubro. As sesións informativas, os debates e os obradoiros compartirán espazo tamén con actividades culturais e deportivas que converterán o espazo transfronteirizo de Tui e Valença no epicentro da 'mocidade en movemento' en Galicia. A Universidade de Vigo é unha das institucións que participan neste evento, xunto coas universidades de Santiago de Compostela, Tras-os-Montes e Alto Douro, Porto e Minho, así como a Xunta de Galicia, varios concellos galegos e portugueses, a Axencia Galega das Industrias Culturais e outras entidades e empresas.

Programa de actividades

O venres terá lugar a inauguración oficial e un concerto a cargo dos portugueses A Jigsaw e os vigueses Maryland, de balde a partir de las 20.30 horas, no Paseo da Corredoira de Tui. Xa na xornada do sábado abrirase a carpa cun obradoiro sobre busca de emprego e a utilidade das redes sociais para atopar novas alternativas profesionais. Con este obxectivo terá lugar tamén unha ponencia sobre a rede Eures, que ofrece emprego en 31 países europeos, para o que se recollerán os currículos. Durante a mañá terá lugar unha charla sobre a innovación no ámbito rural, na que se presentará como exemplo a Granxa Maruxa, unha explotación gandeira, modelo de innovación, tradición e creatividade. A programación matutina pecharase coa intervención de Jorge Mira, catedrático da Universidade de Santiago de Compostela e do profesor Fernando Lobo, da Universidade de Porto, que amosaran as posibilidades que ten a ciencia como profesión e os pormenores da carreira científica na actualidade.

Despois do xantar as actividades retomaranse cunha presentación da Enterprise Europe Network, unha rede que axuda a pequenas e medianas empresas a explotar as oportunidades que ofrece o mercado europeo. Tamén no tocante ao emprendedurismo, os asistentes poderán coñecer o Erasmus para mozos emprendedores, un programa que ofrece a posibilidade de traballar durante seis meses nunha empresa doutro país. A Formación Profesional, en concreto a experiencia de Alemaña, será outro dos temas a tratar para rematar cun debate sobre a importancia de aprender idiomas nun contexto onde a mobilidade internacional acada cada vez máis relevancia. Tamén o máis tradicional terá un oco neste evento, e dúas artesás presentarán as súas respectivas ideas de negocio baseadas nos oficios tradicionais como o traballo do coiro.

Ao longo da xornada celebraranse tamén varios concertos a modo de pausa entre os relatorios, da man do grupo Clave, formado por membros de Chaves e Verín. A parte máis lúdica complétase cunha andaina Erasmus, que sairá de Valença e terá a súa meta en Tui. A xornada pecharase cun espectáculo de maxia e humor con Martín Camiña.

Programa de actividades (1.26 Mb)