DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Gañadores de torneos internos e clasificados dos Campionatos de España foron agasallados

A XVII Festa do Deporte reafirma o compromiso da Universidade coa práctica deportiva

Homenaxeouse á Federación Galega de Taekwondo, á Escola Universitaria de Fisioterapia e á BRILAT

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Deportes
Ana Terceiro DUVI 23/05/2008

Cun marcado ton humorístico da man da compañía Teatro de Cada Quen, a XVII Festa do Deporte puxo fin a toda unha tempada de competicións cunha gala na que se rendeu homenaxe aos deportistas que destacaron nos distintos torneos internos que a institución académica organiza durante o ano. Ademais, no evento fíxose unha mención especial aos 10 membros da Universidade que obtiveron unha medalla nos Campionatos de España así como un recoñecemento ao importante labor que algunhas institucións como o Equipo de Taekwondo ou a Escola Universitaria de Fisioterapia, desempeñaron ao longo de todo o curso.
O acto, que tivo lugar na Escola Universitaria de Enxeñaría Técnica Forestal, estivo presidido polo vicerreitor do campus de Pontevedra, Jesús Hernández, que amosou o seu apoio incondicional a todo tipo de iniciativas a prol do deporte e subliñou que “é necesaria unha maior énfase en todos os programas relacionados co eido da actividade física que a Universidade está poñendo en marcha”. Xunto ao vicerreitor, para facer a entrega dos trofeos contouse coa presenza de outras personalidades tanto da Universidade como de empresas e institucións públicas como a vicerreitora de Extensión Cultural e Estudantes, María del Carmen Cabeza Pereiro; a delegada de Cultura de Pontevedra, María Xesús López Escudeiro; o xefe de Relacións Externas de El Corte Inglés (Vigo), José Manuel Blanco, o director de Marketing e Publicidade de Caixanova, Jorge Santos, e o xerente do Instituto Municipal de Deportes de Pontevedra, Jaime Agulló Sueiro, entre outros.

Entrega de trofeos e condecoracións

Na décimo sétima edición da Festa do Deporte un gran número de deportistas pasaron a recoller o seu trofeo, destacando aos representantes da sección de Xadrez: o campión galego absoluto, Pablo García Castro e os gañadores das categorías sub 14 e sub 18, Samuel Villar e Miguel Senlle. Tamén foi galardoada a campiona de España de Triatlón, Marta Consuegra, así como o equipo feminino de Tenis e o de Xadrez na División de Honor. Por outra banda, todos os medallistas nos Campionatos de España Universitarios recibiron a súa particular condecoración: as 10 medallas de Taekwondo; o bronce de Ángeles Díaz Seoane en Remo; as de prata de Lorena Luaces, Paula Campanero e Víctor Riobó en Atletismo; e o bronce de Beatriz Viteri nesta última disciplina.
Finalmente desde o Servizo de Deportes rendeuse unha homenaxe á Federación Galega de Taekwondo, á Escola Universitaria de Fisioterapia e á BRILAT, “tres institucións que apoiaron decididamente curso a curso as actividades e eventos que organizamos”, apuntou o responsable, Javier Rial. Ademais, os representantes da Universidade non se esqueceron de mencionar á gran cantidade de voluntarios que axudaron na organización das competicións, ao persoal do Instituto Municipal de Deportes do concello de Pontevedra e a Marcos Herrero, alumno colaborador do Servizo de Deportes desde o 2004.

Un toque de humor na entrega de trofeos

Pola súa banda, a compañía humorística Teatro de Cada Quen, foi a encargada de poñer o toque de humor no evento. Deste xeito, ao longo de todo o acto e entre medias das entregas de trofeos, este grupo de novos artistas procedentes da comarca de Cangas do Morrazo, amenizaron a velada con variadas representacións que desataron as risas do público. Ademais, un equipo de baile moderno do ximnasio Disom da mesma localidade, ofreceu dúas actuacións coas que, de igual xeito, se gañaron o aplauso dos asistentes.