DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nos puntos para depositar aparellos eléctricos e electrónicos habilitados nos diferentes centros

A XVII Semana de Recollida de RAEEs recolle 900 quilos de residuos

Depositáronse un centenar de equipos informáticos e monitores

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Medio Ambiente
  • Institucional
DUVI Pontevedra 20/12/2023

Promovida pola Vicerreitoría do campus e dirixida a concienciar á comunidade universitaria da importancia que ten un correcto tratamento como residuos dos aparellos eléctricos electrónicos, a XVII Semana de Recollida de RAEEs permitiu reunir preto de 900 quilos de equipamentos informáticos, pequenos electrodomésticos e outra serie de aparatos. Tras o seu desenvolvemento ao longo da pasada semana, nestes días procedeuse a recollida e traslado a un xestor autorizado no tratamento deste tipo de residuos dos aparellos que a comunidade universitaria depositou nos puntos habilitados nas diferentes facultades e escolas do campus, así como na Casa das Campás e no Pavillón Universitario.

Co Escola de Enxeñaría Forestal e o edificio que comparten as facultades de Comunicación e de Dirección e Xestión Pública como os centros con maior participación, a décimo sétima edición desta iniciativa permitiu reunir 73 equipos informáticos e de telecomunicacións e 31 monitores, pantallas e televisores. A estes súmanse 120 quilos de pequenos aparellos ou compoñentes informáticos, que xunto a outra serie de equipos de telecomunicacións ou electrodomésticos, sitúan a cifra total de residuos recollidos nos 900 quilos.