DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Repartiranse 7500 euros entre oito categorías

Youtubeiras chega á súa sexta edición co obxectivo de ensanchar a comunidade creadora en galego na rede

O prazo de inscrición abrirase o 27 de setembro e finalizará o 15 de novembro

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Lingua Galega
  • Cultura
DUVI 01/06/2022

Youtubeiras, proxecto organizado polos servizos de normalización lingüística de once concellos, as tres universidades galegas e a Deputación da Coruña, chega neste 2022 á súa sexta edición co obxectivo de ensanchar a comunidade creadora. O obxectivo é fomentar a creación no Youtube en galego con temáticas e formatos diversos, así como promover e visibilizar os diferentes perfís de persoas xeradoras de contidos na rede. Para acadar esta meta, nesta edición recupérase a presencialidade tanto no encontro creativo como nas xornadas en centros educativos ao tempo que se reestruturarán as categorías dos Premios Youtubeiras, que repartirán un total de 7500 euros entre oito categorías.

Para presentar os detalles, este mércores celebrouse en Santiago de Compostela unha rolda de prensa na que Socorro García Conde, representante do proxecto, explicou que nos últimos cinco anos “Youtubeiras impulsou unha comunidade creadora na rede en galego que non deixou de medrar ao abeiro dunha iniciativa que é xa unha realidade consolidada grazas ao compromiso de todas as institucións participantes, que amosan unha implicación inequívoca co idioma, coas novas linguaxes dixitais e cos novos camiños que se abren para a nosa lingua”. 

Para rede, a nosa

No acto estiveron tamén presentes María López, concelleira de Lingua e Mocidade do Concello de Teo e de Gumersindo Feijoo, vicerreitor de Transformación Dixital e Innovación da Universidade de Santiago de Compostela. López encargouse de desvelar o lema desta sexta edición: Para rede, a nosa. Trátase dunha elección “forte e enérxica” que, segundo explicou, simboliza “a seguridade e máis o orgullo de termos unha rede de creadoras e creadores que xeran contidos en Youtube, mais tamén noutras plataformas: Twitter, Facebook, Instagram, TikTok ou Twitch. Así está a medrar a presenza da nosa lingua nos novos formatos, conectando con novas xeracións e chegando a outros espazos imprescindibles para o futuro”. Ademais, López tamén puxo en valor que Youtubeiras actúa como un “elemento normalizador da nosa fala” e de “divulgación da nosa cultura”.  

Para fomentar e fortalecer o sentimento de comunidade, tras os dous últimos anos de pandemia, Youtubeiras recuperará a presencialidade nalgunhas das súas actividades de convivencia, intercambio e formación. Adiantouno así Gumersindo Feijoo, en representación da USC, quen sinalou que a primeira delas será o encontro creativo: a Megacolab, unha xornada de creación colectiva entre youtubeiros/as que terá lugar o 18 de xuño no Espazo Apego, en Santiago de Compostela. A inscrición para este evento estará aberta ata o día 16 na web de Youtubeiras. 

A seguinte cita será xa o 21 de setembro en modalidade en liña na canle de Youtube do proxecto. Será unha conversa que, baixo o título Unicornios e linguas non hexemónicas na Rede, contará coa participación das canles Canal Malaia (Catalunya), PlayPresta (Asturies), Iruñe @ARKKUSO (País Vasco) e Youtube en galego. Xa en decembro, celebrarase un obradoiro formativo impartido pola asesora fiscal Paloma López Retorta, de Cifras Asesoría, no que se analizarán claves de facturación, declaracións fiscais, o traballo por conta propia e as fórmulas de declaración dos ingresos acadados en Youtube. 

A principal novidade: un catálogo de youtubeiras e youtubeiros

Na rolda de prensa, Socorro García Conde lembraba que o propósito de Youtubeiras“é visibilizar e achegarlle ao proxecto as novas caras que están presentes nas redes. Desta volta, procuramos sumar persoas de todas as idades que poidan facer vídeos con habelencias concretas en ámbitos de todo tipo, que compartan vídeotitoriais para resolver problemas do día a día”. Ese é un perfil que se quere incorporar á comunidade youtubeira “para que compartan os seus coñecementos e manteñan canles desta natureza” e se incorporará a unha iniciativa novidosa que se levará a cabo por primeira vez nesta edición: un catálogo de youtubeiras e youtubeiros. Tratarase, explicaba García Conde, dun grande escaparate dixital que terá como obxectivos favorecer a visibilidade a través da web (www.youtubeiras.gal) e das redes sociais do proxecto, propiciar unha comunidade máis consolidada e ofrecerlle ao público un lugar de referencia na búsqueda de contigo dixital en galego. 

7500 euros en premios 

Outra das patas deste proxecto son os VI Premios Youtubeiras, cuxas bases xa se poden consultar na páxina web www.youtubeiras.gal. Nesta edición, como novidade, permitirase a participación de canles cun único vídeo publicado, a diferenza do ano pasado, que limitaba a concorrencia a quen tivese como mínimo cinco. As propostas deben estar publicadas a partir do 22 de outubro do 2021.

Por outra banda, os premios reestruturan as súas categorías e entregaranse oito galardóns: youtubeira/o, canle, vídeo, youtubeira/o revelación, premio á calidade lingüística, pioneiro, rede e premio do público. En total repartiranse un total de 7500 euros, 1000 para os gañadores das sete primeiras categorías e 500 para a última. O prazo de inscrición para competir no concurso abrirá o 27 de setembro e finalizará o 25 de novembro.