DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa celebración das eleccións remata esta actividade de Teoría e técnica da propaganda electoral

ZAS conquista a "Presidencia da Xunta" desde CCSS e da Comunicación

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Camino Carballeira DUVI 27/05/2009

AvanZAS con nós. Ese era o lema de ZAS Partido Político e esa foi a idea que maioritariamente apoiaron os membros da comunidade universitaria da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación na votación celebrada este mércores. Deste xeito, Fátima Rodríguez e o seu equipo, gañadores con 63 votos destes comicios, foi nomeada como nova “presidenta da Xunta”, cargo posto en xogo. O Partido Alternativa de la Izquierda (PAI), de Laura Hermo foi o segundo en apoios e recibiu 44 votos. Os vinte e oito votos restantes foron para Nova Ideas, cuxa candidata era Suevia Ansede. Ademais da vitoria moral, os membros de ZAS levan o punto da nota final que estaba en xogo.
“Partindo de que as tres opcións eran igualmente válidas creo que influíu a nosa imaxe para convencer á xente e tamén o feito de que na precampaña conseguimos crear moita expectación”, sinalou Rodríguez logo de coñecer a súa vitoria. O principal obxectivo desta actividade da materia de Teoría e técnica da propaganda electoral, impartida por Xosé Rúas, era plantexar un xogo de rol para que os estudantes desenvolvesen contidos como a elaboración de programas electorais, carteis, mitins ou debates e o que sen dúbida conseguiu foi facer aos alumnos reflexionar sobre estes aspectos. A propia Fátima Rodríguez comentaba que no contexto das vindeiras eleccións ao Parlamento europeo “fixámonos máis no que fan os partidos e analizamos as súas estratexias”.

Intenso traballo

Deste xeito pónselle fin a moitos meses de traballo dos alumnos, intensificado nas últimas semanas coa celebración de mitins e un debate entre as tres candidatas que formularon as súas propostas para o contexto galego, pero tamén prestando especial atención ás preocupacións do seu electorado (estudantes, profesores e PAS da facultade) como a igualdade, o medio ambiente ou o voluntariado.
De feito, no programa do partido gañador contemplábanse medidas como a aposta pola apertura da biblioteca nos períodos de exame as 24 horas do día ou a mellora das instalacións deportivas, e promovíase “a racionalización do gasto sanitario e a mellora da eficiencia do sistema”, “a redución do fracaso escolar” ou a “redución en hipotecas e aumento das facilidades na adquisición da vivenda por parte dos desempregados ou xubilados”.