DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Despois de gañar o domingo a Uribealdea RKE

O equipo do campus xogará o ascenso á máxima competición de rugby estatal

Os ourensán rematan a competición nun terceiro posto

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Deportes
  • Saúde
  • Deportes
DUVI Ourense 25/03/2019

Este domingo o Campus Universitario Ourense Rugby Club marcou un fito na súa traxectoria. Os xogadores ourensáns gañaron o último partido da tempada na división de honra B do rugby estatal cunha vitoria que lles permitiu manter o seu terceiro posto na táboa e polo tanto clasificarse para xogar o ascenso á máxima competición de rugby en España, á división de honra de rugby Liga Heineken.

Vitoria en rugby

Na xornada 22 de liga, o Campus Universitario Ourense Rugby Club gañou na súa visita ao Uribealdea RKE por 10-27, rematando a competición con 15 vitorias e 7 derrotas. Co “obxectivo conseguido”, desde o club salientan como os resultados acadados supoñen a “mellor clasificación dos tres anos na categoría”, acadando unha terceira posición por detrás de Bathco e Getxo e sendo por terceira vez o mellor equipo galego clasificado. Destacando como “foi unha tempada dura”, desde o equipo subliñan “o moi bo traballo por parte de todos”, facendo extensible os seus agradecementos a “xogadores, equipo técnico, delegado, médicos, directiva, socios, afección, condutores e todos os que nos apoiaron ao longo destes meses”.

“Agora seguiremos traballando para preparar o play off polo ascenso á división de honra Liga Heineken que se celebrará contra o Ciencias de Sevilla os días 7 e 14 de abril”, comentan desde o club. Así, apuntan, “vai a ser moi complicado e duro pero a ilusión e as gañas forman parte do noso espírito loitador. Iremos paso a paso e con humildade coma sempre”.

Derrotas en baloncesto

Fronte aos bos resultados en rugby, os malos resultados acompañaron esta fin de semana aos equipos de baloncesto do campus de Ourense. A categoría masculina do Universitario Campus de Ourense perdeu o sábado 55-51 en Ferrol contra BBCA Castelo de San Felipe, colocándose con este resultado terceira na segunda fase (A1) da liga regular na primeira división masculina. A categoría feminina tamén perdeu contra Arxil Mafari Café por 68-56, o domingo en Pontevedra, manténdose no segundo posto da  primeira división autonómica feminina.

Desigual sorte en xadrez

Polo que respecta ao xadrez, na oitava xornada da liga galega, os equipos do campus acadaron este sábado na casa unha vitoria e unha derrota. Na primeira división, o Universitario de Ourense gañou a Vila de Bouzas por 2,5-1,5, con vitorias de César Pérez e Lino Hermida, táboas de David Feijoo e derrota de Manuel Álvarez. Na segunda división, o representante do campus perdeu contra Xadrez Valdeorras por 0,5-3,5, con táboas de Miguel Reza e derrotas de José Javier Lamas, José Jaime González-Viso e Nuel Vázquez.

Atletismo

Por último, as pistas de atletismo do campus de Ourense acolleron o domingo o VIII Trofeo Club Deportivo Aurum. 400 persoas, entre nenos e nenas e adultos, participaron nunha competición na que as probas de marcha tiveron un protagonismo destacado co obxectivo de fomentar a súa práctica na cidade.  A cita estivo organizada polo Club Deportivo Aurum coa colaboración da Vicerreitoría do Campus de Ourense e a Delegación en Ourense da Federación Galega de Atletismo e o patrocinio do Consello Municipal de Deportes do Concello.