O medio mariño, a bioloxía, a nanotecnoloxía, o medio ambiente ou a astronomía son algunhas das disciplinas que, dentro da programación da Semana da Ciencia, se pretenden achegar dende a Universidade á cidadanía. Esta iniciativa, que se celebra por sexto consecutivo a nivel nacional, ten como obxectivo a divulgación e a creación dunha cultura científica asentada sobre o gusto por este tipo de coñecementos que, en moitos casos, non teñen calado na sociedade.
Entre as máis de cen actividades que esta Semana da Ciencia espalla por Galicia, a Universidade de Vigo colabora en seis iniciativas que comprenden conferencias, mostras, visitas a lugares de interese científico e obradoiros. A partir deste luns 12 de novembro e ata o día 18, a ciencia estará ao alcance de toda a cidadanía. A Estación de Ciencias Mariñas de Toralla acollerá unha mostra sobre a vida mariña na illa e a ETSE de Minas organiza unhas xornadas sobre a titulación e o seu traballo a prol do medio natural. Xunto con elas, a Semana da Ciencia comprenderá tamén unha exposición fotográfica sobre a revolución da nanotecnoloxía, un concurso para construír unha célula, un obradoiro de astronomía e a realización dun documental sobre investigadores galegos que traballan nos Estados Unidos.
09/11/2007