Coa finalidade de acadar a máxima participación no proceso que se celebrará na Universidade de Vigo para a elección de reitor, os candidatos de Nova Universidade, Jaime Cabeza e de Alternativa Universitaria, Salustiano Mato, e o actual reitor Alberto Gago, acordaron nunha reunión celebrada hoxe, fixar a xornada de votación no período comprendido entre o 13 e o 20 de maio. Nun prazo de quince días, unha vez realizadas as verificacións formais oportunas, coñecerase a data de celebración da votación que determinará cal dos dous candidatos se converterá no próximo reitor da institución académica viguesa. Tanto Jaime Cabeza como Salustiano Mato amosaron a súa satisfacción polo consenso acadado en relación co calendario electoral, así como coa invitación do reitor a que ambos participen das inauguracións que se poidan producir durante o período electoral.
29/01/2010