A Universidade de Vigo elixe ata as 19.00 horas ao quinto reitor e aos membros do sexto Claustro da súa historia nunha xornada que comezou pouco antes das 10 da mañá coa constitución nos tres campus das 23 mesas nas que ao longo da xornada depositarán os seus votos os membros da comunidade universitaria.
Os candidatos a reitor, Salustiano Mato e Jaime Cabeza, exerceron o seu dereito ao voto no campus de Vigo, nas facultades de Bioloxía e Ciencias Xurídicas, respectivamente, onde manifestaron o seu desexo de que o proceso electoral rexistre unha elevada participación, en especial no sector do alumnado, así como a súa confianza na posibilidade de convertese no vindeiro reitor da Universidade de Vigo. “Espero gañar a confianza da comunidade universitaria para gobernar os próximos catro anos”, asegurou o candidato de Alternativa Universitaria, Salustiano Mato, mentres que o candidato de Nova Universidade, Jaime Cabeza, afirmou que “hoxe vai haber un gran cambio nesta Universidade”.
20/05/2010