Difundir os estudos e traballos internacionais sobre os fluxos migratorios é o obxectivo fundamental do II Encontro sobre migracións e globalización, que repite experiencia tras o éxito acadado o ano pasado. A través dos diferentes relatorios, ofrecidos por recoñecidos expertos na materia, “analizaranse as migracións de diversos países de América, pero tamén aspectos actuais da inmigración, como é o caso dos cidadáns ecuatorianos”, afirmou no acto de inauguración Xosé Ramón Campos, profesor da Universidade e coordinador do encontro. O tema será tratado dende a perspectiva do proceso de globalización, que está a transformar o carácter dos fluxos migratorios internacionais provocando un forte impacto sobre as sociedades contemporáneas e establecendo novas pautas vitais e laborais, novos sistemas de residencia e cambios na mobilidade urbana.
22/10/2008