Aproveitar as segundas oportunidades que ofrece a vida. Esa é a filosofía que domina dentro das aulas do Programa de Maiores, ocupadas por alumnos e alumnas que chegan a triplicar e incluso cuadriplicar a media de idade do resto dos estudantes e que, carpeta en man, comparten algo máis ca pupitres. A moitos deles, coma os veteranos María José Juanatey e Luis Mollist, de 86 e 88 anos respectivamente, as circunstancias non lles permitiron acceder ou rematar uns estudos que agora, con experiencias vitais inesquecibles detrás, retoman con ilusión. Nas súas mochilas non só hai oco para os apuntamentos e os libros: van cheas de vivencias que agora comparten cos seus compañeiros. Algúns pisan por primeira vez a facultade, outros volven ás aulas que deixaron no seu día, pero todos teñen un obxectivo común: aprender.
12/01/2012