DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Auditorio Municipal de Ourense acolleu o concerto destas festas da UVigo

Unha banda sonora “de cine” para dar a benvida ao Nadal

Coa participación da Orquestra Sinfónica Vigo 430 e do compositor e pianista Brais González

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Ourense 16/12/2021

No Auditorio Municipal de Ourense e cunha banda sonora “de cine”, a Universidade de Vigo deu este xoves oficialmente a benvida ao Nadal. Foi no seu tradicional concerto co gallo destas festas e coa actuación da Orquestra Sinfónica Vigo 430 e do compositor e pianista Brais González. Xuntos realizaron un percorrido pola música que forma parte da historia do cine e tamén da memoria audiovisual do público. 

Cun aforo limitado a 200 persoas, o concerto contou coa asistencia de Natalia Caparrini, vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria; Esther de Blas, vicerreitora do Campus de Ourense; José María Martín Moreno, vicerreitor de Economía; José Luis Míguez, vicerreitor de Planificación e Sostibilidade; Manolo Ramos, vicerreitor de Organización Académica e Profesorado; Miguel Ángel Michinel, secretario xeral da UVigo; Elena Rivo, comisionada de Coordinación Interna; responsables de centros e outros membros da comunidade universitaria e persoas alleas a ela. O concerto forma parte das actividades recollidas no convenio de colaboración asinado pola institución académica coa Orquestra Vigo 430, que incluía a celebración dun concerto de Nadal en cada un dos tres campus da UVigo. Celebrados xa os de Vigo e Pontevedra en anos anteriores, quedaba pendente o de Ourense, que debido á pandemia se tivo que aprazar.

Na benvida do concerto, Natalia Caparrini explicou que “inicialmente estaba previsto que tivera aforo completo pero por motivos de seguridade consideramos que era mellor reducilo”, optando por emitilo en streaming a través de UVigo TV para que puidese ser seguido por todas as persoas interesadas. En nome do reitor, Manuel Reigosa, e do equipo reitoral, a vicerreitora quixo “felicitar a toda a comunidade universitaria o Nadal” sinalando que “a mellor maneira de facelo é con música”. Tamén tivo palabras de agradecemento para as persoas e entidades que participaron ou colaboraron na organización desta cita, entre elas o Concello de Ourense por ceder o uso do Auditorio. 

Grandes melodías da historia do cine 

Baixo a dirección de Isabel Rubio, as e os asistentes asistiron a un concerto que levou por título Música de cine, cinco suites temáticas e que correu a cargo da Orquestra Sinfónica Vigo 430 e do compositor e pianista vigués Brais González. A Orquestra Sinfónica Vigo 430 é unha formación que naceu no ano 2005 de xeito independente e co obxectivo de crear unha agrupación musical de calidade, que estivera formada na súa maior parte polas novas xeracións de músicos saídos dos conservatorios galegos. Pola súa banda, Brais González é fundador de Caspervek Trio, unha das bandas europeas de referencia na musicalización de cine mudo en directo, e solista e músico de cámara nunha vintena de países europeos, ademais de compositor de obras interpretadas en destacados escenarios. 

Ao longo da actuación interpretáronse as pezas O cine mudo; A época dourada: catro décadas de cine; Maxia e Animación; Ciencia e Ficción e Greatest hits. Foi, explicou Isabel Rubio, un repaso por “grandes melodías da historia do cine moi recoñecidas polo público”. A pesar de ser creadas para o cine, subliñou a directora, as pezas que conformaron o concerto “mantéñense soas, son boa música, música ben feita”. Ás veces, indicou, “escoitamos que a música de cine é fácil, pero para nada é fácil”. Da man da Orquestra Sinfónica Vigo 430 e de Brais González, o público puido lembrar melodías de películas como Cinema Paradiso, La Misión ou Lawrence de Arabia. Tal e como indicaron desde a organización, foi “unha travesía de máis de seis décadas ao longo dos principais expoñentes musicais e cinematográficos da historia de Hollywood” que permitiu ao público “comprobar de primeira man como a música composta para a imaxe se foi desenvolvendo co paso dos anos e como a música de concerto foi unha constante fonte de inspiración para os creadores de bandas sonoras”. 

No concerto, as e os asistentes puideron “descubrir as sonoridades da idade de ouro do cinema americano e as contribucións que moitos autores europeos fixeron ás creacións cinematográficas americanas e como o cinema de animación dixital converteuse non só nun xénero fílmico con voz propia, senón que desenvolveu unha linguaxe musical específica con características moi particulares”. Tamén houbo oco na actuación para “as reminiscencias wagnerianas do cinema épico e de acción destas últimas dúas décadas que levan as forzas orquestrais ao límite”.