DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus acolleu un coloquio cos directores da película

‘13 exorcismos’ e unha conversa sobre o sector audiovisual

Parte do filme gravouse en instalacións universitarias

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Ourense 03/11/2022

Este venres estréase nos cines españois a película de medo 13 exorcismos, que tivo entre os seus escenarios de gravación o campus de Ourense. Este xoves, Ramón Campos e Jacobo Martínez, director executivo e director do filme respectivamente, volveron ás instalacións universitarias para dialogar con alumnado universitario e de formación profesional, concretamente do CIFP A Farixa, sobre esta produción e en xeral sobre o audiovisual español.

O coloquio estivo moderado por Mónica Villanueva, directora da Área de Coordinación do Campus de Ourense, que salientou na súa benvida ás e aos asistentes a importancia de “pór en contacto a cultura coa universidade” con eventos coma este. A responsable académica destacou os curriculums dos dous convidados, “dúas persoas moi recoñecidas a nivel audiovisual” non só no eido estatal senón tamén internacional e desexoulles “éxito de crítica e público” nesta nova produción.

A película

13 exorcismos é a ópera prima de Jacobo Martínez (cunha dilatada traxectoria previa como director de fotografía que ten traballado en series como Velvet ou Fariña) e está protagonizada por María Romanillos, Ruth Díaz, Urko Olazabal e José Sacristán (recentemente galardoado co Goya de Honor). Completan o reparto Pablo Revuelta, Silma López, Daniel Arias, Alicia Falcó e Uri Guitart e conta coa colaboración especial da actriz lucense Cristina Castaño. Producida por Ramón Campos e con produción executiva súa xunto a Teresa Fernández e Sara Gonzalo, o filme é una produción de Mr. Fields and Friends, Atresmedia Cine, Bambú Producciones e 13 E Movie AIE, coa participación de, ademais do patrocinio da Deputación de Ourense, Atresmedia, Movistar+ e Agadic. O seu guión é obra de Ramón Campos, Gema R. Neira, David Orea, Salvador S. Molina e Carlos Ruano e conta co mesmo equipo creativo de Malasaña 32.

A película está inspirada en casos de exorcismos documentados en España recentemente e nela cóntase como, tras unha sesión de espiritismo de Halloween, a adolescente Laura Villegas comeza a comportarse de forma estraña e os seus pais, convencidos de que o demoño a ten posuído, acoden ao Pai Olmedo, un dos 15 exorcistas autorizados en España polo Vaticano para intervir en casos de posesións demoníacas. A partir de aí una serie de fenómenos estraños comezarán a envolver aos protagonistas da historia.

O sector

Jacobo Martínez subliñou durante a súa intervención a importancia de que, nun momento de auxe das plataformas de contidos audiovisuais en streaming, “recuperamos o cine, sigamos indo ao cine”, apuntando como “hai case unha parte pública” no servizo que ofrecen xa que, indicou, permiten que a xente poida ir a ver unha película sen necesidade de estar subscrita a unha plataforma concreta. “Volvamos a ir ao cine, a darlle valor ao feito de ir ao cine como un acto cultural ademais de entretemento”, afirmou. O director lembrou que “hoxe en día o audiovisual é unha industria e unha industria potente en España” e puxo o aceno no cambio na forma de consumir audiovisual do público ante a grande oferta existente. Tamén quixo agradecer a boa acollida da cidade de Ourense para a gravación de 13 exorcismos, salientando que “cando chegas a unha cidade que non ten moitas rodaxes enriba dá gusto, porque a xente está contenta, para eles é algo bo, novo” e puxo o aceno no retorno económico que supón acoller rodaxes, pondo como exemplo que esta película moveu un equipo de arredor de 150 persoas.

Pola súa banda, Ramón Campos, indicou que “estamos vivindo posiblemente o momento máis álxido do audiovisual na historia de España” e lembrou a súa evolución desde que en 2007 fundou xunto a Teresa Fernández a produtora Bambú e deu o salto da produción de series para a Televisión de Galicia a series estatais, como serían Gran Hotel, Velvet, Tiempos de Guerra ou Las chicas del cable. No seu achegamento, lembrou como despois das primeiras dificultades para pór series na programación das televisións xeneralistas, en 2015, coa chegada das primeiras plataformas de streaming, a situación mudou e “desde o ano 2007 a agora o traballo que temos no audiovisual podemos multiplicalo por cen”. Foi, sinalou, “unha industria moi pequena que de repente fixo boom, fixémonos moi grandes, en parte culpa nosa porque o fixemos ben” e “agora atopámonos que non temos capacidade para dar servizo a iso”, apuntando que “non temos equipos suficientes, non temos directores suficientes, non temos directores de fotografía suficientes, etc”. Porén, subliñou ao alumnado presente, “hai un potencial brutal para traballar no audiovisual, temos capacidade para absorber moitísima xente, para dar traballo, pero ten que ser xente que sexa consciente do que estamos facendo en televisión”. Igualmente, o relator amosou a súa satisfacción por volver a “rodar na casa, en Galicia” con 13 exorcismos e destacou as facilidades que ofrece Ourense para as gravacións grazas á súa conexión co AVE.