DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A través da Cátedra de Idadismo, a universidade súmase á incubadora de emprendemento ‘TaleS’

15 persoas maiores de 50 anos desenvolverán na UVigo as súas ideas de negocio

Nun programa do Centro Internacional Santander Emprendimiento e da Fundación Mapfre

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Emprender
  • Universidade e empresa
  • Académica
DUVI Pontevedra 14/04/2023

Da man da Cátedra Afaga-Atendo de Idadismo, a Universidade de Vigo súmase por primeira vez á rede de emprendedores sénior interuniversitaria nacional TaleS, impulsada pola Fundación Mapfre, a través do seu Centro de Investigación Ageingnomics, e polo Centro Internacional Santander Emprendimiento (CISE). De carácter gratuíto, xa está aberta a inscrición nunha incubadora que ofrece formación e acompañamento a persoas maiores de 50 anos no desenvolvemento da súas ideas de negocio. Na segunda edición deste programa de apoio ao emprendemento sénior, TaleS oferta na UVigo un total de 15 prazas destinadas a maiores de 50 anos que busquen formarse neste ámbito e aprender a levar as súas ideas ao mercado, a través dunha serie de actividades formativas que terán como sede a Facultade de Comunicación.

Ata o 30 de abril permanecerá aberto o prazo de inscrición para participar no proceso de selección dunha incubadora que os seus promotores presentan como “unha oportunidade para maiores de 50 demandantes de recualificación”. As persoas seleccionadas para as 15 prazas que se ofertan na UVigo recibirán formación “en metodoloxía Learn Startup, Design Thinking, validación, prototipado ou orientación ao cliente”, ao mesmo tempo que “traballarán en equipo e conectarán con novos emprendedores”, salientan desde a organización. No caso da Universidade de Vigo, a actividade arrancará o 25 de maio cunha presentación na Facultade de Comunicación e estenderase ao longo de aproximadamente 14 semanas.

Na UVigo, esta iniciativa será coordinada pola profesora da Facultade de Comunicación Montse Vázquez e combinará “as sesións formativas presenciais con outras que se impartirán de xeito virtual”, pero que se seguirán tamén desde as aulas deste centro, explica a directora da Cátedra de Idadismo, Ana Belén Fernández Souto. Impulsada en 2022 pola Universidade de Vigo, a Asociación de Familiares y Enfermos de Alzhéimer y otras Demencias de Galicia (Afaga) e a entidade de innovación social Atendo, trátase da primeira cátedra de España centrada en combater o fenómeno do idadismo, o conxunto de prácticas laborais, sociais e políticas que discriminan ás persoas por razón da súa idade. Nese propósito, explica Fernández Souto, “un dos puntos fundamentais da cátedra é tanto a interxeracionalidade como a educación”, dous ámbitos que, resalta, “combínanse nesta actividade”, xa que promove tanto “a formación no ámbito do emprendemento” das e dos maiores de 50 como o traballo conxunto entre persoas “de distintas xeracións”, posto que os seleccionados e seleccionadas “van a estar titorizados por profesionais novos”. 

Participación de cinco universidades

Xunto á UVigo, nesta segunda edición de TaleS desenvolverase tamén noutras catro universidades públicas españolas, as de Cantabria e Granada, que xa participaran na primeira edición, e as de Estremadura e Las Palmas de Gran Canaria, que se incorporan tamén neste 2023. Deste xeito, as entidades promotoras desta incubadora pretenden “aumentar o ecosistema nacional de talento sénior” creado na anterior edición do programa, que contou con 50 participantes. Nese senso, as e os participantes no programa en cada unha das cinco universidades optarán a unha viaxe para presentar o seu proxecto diante do xurado que decidirá cal é a proposta gañadora do premio ao mellor proxecto nacional, dotado con 1000 euros. 

TaleS, explican desde a organización, “busca aproveitar o talento das persoas con experiencia e favorecer a reciclaxe de quen busca unha segunda vida profesional”. De feito, segundo reflicte o II Mapa de Talento Sénior. España en el contexto europeo, editado polo Centro de Investigación Ageingnomics, da Fundación Mapfre, “o gran reto laboral en Europa pasará por traballar máis anos”. En parte, engaden, “polo aumento da calidade e esperanza de vida, pero tamén pola inversión da pirámide demográfica. Por iso, Manuel Redondo, director executivo do CISE ve este programa como unha “magnífica oportunidade” para este colectivo, “experimentado e de alto potencial”. Con TaleS, subliña, “van completar a súa traxectoria persoal e profesional cunha aproximación práctica ao mundo dos negocios a través do emprendemento”. Nesa mesma liña, o director do Centro de Investigación Ageingnomics, da Fundación Mapfre, Juan Fernández Palacios remarcou o “potencial” das persoas maiores de 50 anos, “que debemos aproveitar. É bo para a sociedade, para a economía, pero tamén é positivo para os propios individuos”. 

Esta incubadora é resultado da colaboración entre o CISE, un centro dedicado ao fomento do espírito emprendedor que impulsa a xeración de startups e que conta co respaldo da Universidad Cantabria, do Goberno desta autonomía e do Banco Santander; e do centro de investigación impulsado pola Fundación Mapfre coa misión de divulgar unha mirada positiva do cambio demográfico sobre a base das oportunidades económicas e sociais que supón o envellecemento da poboación.