DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A proclamación definitiva das candidaturas terá lugar o día 6

17.000 estudantes elixirán o vindeiro 13 de maio os seus representantes no Claustro

Os resultados definitivos non se darán a coñecer ata o día 27

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Democracia
  • Estudantado
  • Institucional
DUVI 12/04/2024

O vindeiro 13 de maio o alumnado da Universidade de Vigo está chamado ás urnas para elixir os seus representantes no Claustro Universitario. Tras aprobarse no Consello de Goberno do día 3 de abril a convocatoria electoral, o calendario xa comezou a correr coa publicación dos censos electorais provisionais, compostos por 17.074 estudantes, dos cales 15.719 son de primeiro e segundo ciclo e 1355 de terceiro ciclo.

No campus de Ourense poderán votar 4624 mozos e mozas, dos cales 4337 son alumnos e alumnas de grao e mestrado e outros 287 cursan un doutoramento. No caso de Pontevedra, o censo comprende 3411 estudantes, 3206 deles de grao e mestrado e outros 205 de 3º ciclo. Finalmente, en Vigo poderán exercer o seu dereito ao voto 9039 estudantes, 8176 de grao e mestrado e outros 863 de doutoramento.

Estes censos provisionais estiveron en exposición pública ata o pasado martes día 9, de xeito que, tras a presentación de reclamacións, os censos definitivos publicaranse o día 15 e, un día máis tarde, o 16, comezará o prazo de presentación de candidaturas, que se pechará o 18. A proclamación provisional das candidaturas coñecerase o día 25 e a definitiva o 6 de maio, e a campaña electoral desenvolverase entre os días 7 e 9 dese mes. Tras a xornada de reflexión o día 10, a xornada electoral será o 13 de maio nos tres campus, aínda que os resultados provisionais non se coñecerán ata o día 20 e os definitivos, tras un prazo de reclamacións, serán publicados o día 27.

A diferencia do resto dos sectores da comunidade universitaria, que elixen os seus representantes ao Claustro cada catro anos, o alumnado está chamado ás urnas cada dous, para elixir os representantes, que representan un 25 % do total dos membros deste órgano.