DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O fallo fíxose público en xuño pero a entrega de premios tivo lugar este luns

20 chíos creativos e orixinais que converten á investigadora Vanesa Sanz na gañadora do concurso #HiloTesis

Resume nun a súa tese sobre aproveitamento de biocompostos para “converter lixo en xelatina”

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Vigo
  • Divulgación
  • Investigación
  • Premios
  • Investigación
DUVI 04/12/2023

O Círculo de Bellas Artes de Madrid acolleu este luns a entrega dos III Premios #Hilotesis de divulgación científica impulsados pola Crue en colaboración coa Rede de Divulgación e Cultura Científica (RedDivulga) e a Fundación Larramendi. Neste evento, a investigadora Vanesa Sanz recolleu o galardón que a acredita como gañadora deste certame por un fío no que resume, en 20 chíos, a tese que presentou na Universidade de Vigo a finais do ano pasado. O obxectivo deste certame é dar a coñecer teses de doutoramento coas limitacións e posibilidades que ofrece a rede social anteriormente coñecida como Twitter, agora X, empregando unha linguaxe “sinxela, atractiva e accesible”. 

O xurado, que fixo público o seu fallo en xuño, elixiu o fío de Sanz, entre os preto de 400 presentados, pola súa explicación creativa e orixinal sobre como “converter o lixo en xelatina”, temática arredor da que xira a súa tese de doutoramento, desenvolvida no grupo EQ-2 Biomasa e Desenvolvemento Sostible da UVigo.

387 fíos, 47 finalistas e tres gañadores

En total a este certame presentáronse 387 fíos nos que se daban a coñecer teses de recentes ou futuros doutores e doutoras das universidades participantes. Á final chegaron 47 e entre eles o xurado escolleu os tres gañadores e tamén catro mencións especiais, dado o nivel “espectacular” dos fíos presentados.
Xunto con Sanz, este luns recibiron os seus premios Tamara Esquivel, da Universidad Autónoma de Madrid, por un fío sobre a fenda que ao parecer existe entre investigación educativa e praxis docente real nas aulas de Bioloxía de ESO e Bacharelato e José Javier Paulet, da Universidad de Castilla La Mancha, que analiza a aplicación da computación cuántica en diferentes problemas de busca. Cada un deles recibe un premio de 1000 euros da man da Fundación Ignacio Larramendi.

No acto estiveron presentes o presidente de Crue I+D+i e reitor da Universidad de Castilla-La Mancha, Julián Garde; a vicepresidenta da Fundación Larramendi, Carmen Hernando Larramendi; a secretaria xeral de Crue, María Teresa Lozano; a coordinadora de Red Divulga de Crue e vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación da UVigo, Belén Rubio e o director do Círculo de Bellas Artes de Madrid, Valerio Rocco. A maioría das autoridades coincidiron en poñer en valor a importancia da divulgación e da comunicación científica pero tamén na necesidade de “darlle unha volta” a este concurso, para levalo a outras redes sociais de uso máis habitual para xente nova e o reto de internacionalizalo. 

Abrir as portas dos laboratorios

Ao recoller o premio, Vanesa Sanz, que tras presentar a súa tese comezou a traballar como investigadora doutora júnior na Universitat de València, fixo unha defensa da importancia da divulgación e animou a todo o persoal investigador a “abrir as nosas investigacións e a trasladar as ideas máis aló das portas do laboratorio”. Lembrou que participou neste certame grazas ás súas directoras de tese e que foron a súa irmá e a súa parella os que axudaron a realizar unha grabación con numerosas imaxes, gifs e vídeos que a converteron en gañadora. Explicou para o público asistente que a súa investigación parte da base de que “cada vez somos máis xente, consumimos máis recursos e, inevitablemente, xeramos máis residuos que acaban no medio ambiente”. Por isto, o seu reto era “reducir ou transformar certos residuos de plantas e algas en produtos economicamente valiosos” con aplicacións para cosmética, farmacéutica ou medicina.

Sanz recibiu o premio de mans de Belén Rubio, vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación da UVigo, que puxo en valor que se trate dunha investigación no eido agroalimentario, un ámbito de moita relevancia para a Universidade de Vigo, que ocupa o posto 15 en ránking de Shanghai por materias. Rubio tamén amosou a súa satisfacción por ver como esta iniciativa, que naceu en plena pandemia, sigue adiante e cada vez con mellor acollida, aberta a todos os eidos científicos e co reto de “transmitir a calquera persoa da sociedade” o traballo que realiza o persoal investigador. 

Un proceso complexo explicada para un público xeral

Vanesa Sanz resume en 20 chíos unha tese que se centra na utilización de materias primas infravaloradas para obter produtos de alto valor engadido de forma sostible, ou como ela mesma explica no fío: “converter lixo en xelatina”. En concreto, a súa investigación, dirixida por María Dolores Torres e Herminia Domínguez, baséase na extracción de compostos de alto valor engadido a partir de diversas materias agroindustriais, como restos de poda do té (Camelia sinensis), lúpulo prensado seco (Humulus lupulus) empregado na fabricación de cervexa, descartes de follas da planta Aristotelia chilensis, máis coñecida en América do Sur como “maqui”, e algas vermellas. Todas estas materias primas considéranse, apunta a investigadora, “de baixo valor económico pero cun alto potencial que aínda non ten sido aproveitado na súa totalidade, sendo elixidas pola súa asequibilidade, abundancia, dispoñibilidade e inocuidade, incluso aquelas procedentes de subprodutos industriais”.

No fío gañador trata de explicar este complexo proceso a un público xeral e relata como, despois de pasar “medio doutoramento” mesturando residuos vexetais con auga, conseguiu obter extractos ricos en compostos antioxidantes a través de innovadoras tecnoloxías verdes que permiten reducir custos enerxéticos, acurtar tempos e prescindir de disolventes tóxicos ou contaminantes. Ademais, tamén fai fincapé nas tres ideas que definen a súa tese: “sostibilidade”, no que se refire a darlle unha nova vida aos residuos; “desenvolvemento”, coa creación de posibles aplicacións comerciais; e “impacto social”, mellorando a calidade de vida e saúde das persoas.