DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun acto celebrado na Facultade de Educación e Traballo Social

Un 23 de febreiro máis, o campus únese á conmemoración do Día de Rosalía

Coa lectura do manifesto desta efeméride, videopoemas, música, exposicións e caldo de gloria

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Ourense 23/02/2023

Un ano máis, o campus de Ourense volveu este 23 de febreiro a unirse á celebración do Día de Rosalía, efeméride posta en marcha pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega coincidindo co aniversario do nacemento de Rosalía de Castro. En homenaxe á escritora e para reivindicar o pasado, presente e futuro da lingua e da cultura galegas, houbo lectura do manifesto desta conmemoración, videopoemas, exposicións, música e caldo de gloria.  

A programación estivo organizada pola Facultade de Educación e Traballo Social co apoio da Vicerreitoría do campus de Ourense e da Biblioteca Rosalía de Castro. Na súa presentación, Mar Fernández, en representación da organización, salientou que este Día de Rosalía supón unha efeméride que se está consolidando como unha constante entre as actividades culturais que se organizan cada ano no campus de Ourense. A profesora foi a encargada de dar lectura ao manifesto deste Día de Rosalía, encargado pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega a Carme Adán (filósofa, ensaísta e profesora) e que levou por título Cumpriuse a xustiza.

Tal e como puido escoitar o público asistente ao acto celebrado no Edificio de Ferro do campus, no manifesto, Carme Adán destaca que “Rosalía ensínanos a mirar e a escoitar. É unha guía, por momentos unha amiga ou unha camarada, que nos acompaña entre poemas, novelas e ensaios para superar a banalidade ética do noso tempo. As súas palabras dan existencia a un mundo de inxustizas e opresións contra as mulleres, os pobres, a lingua galega ou os migrantes. O seu narrar é a escoita do noso mundo”. Dos moitos legados de Rosalía de Castro, a autora do manifesto pon de relevo “un, o da filósofa que sabe libre o seu pensar e non cede ante as cadeas impostas", subliñando que "Rosalía ensinounos da liberdade do pensamento que se afunde na realidade para interrogala por un futuro mellor. Se só cantamos as pombas e as flores, as luces de cores dos nosos autorretratos dixitais, de que teremos a alma? Se desoímos os berros do noso tempo, de que teremos a alma?”.

Premios do concurso de concurso de videopoemas

O acto continuou coa intervención de alumnado da Facultade de Educación e Traballo Social, que musicou poemas da escritora galega, e coa entrega de premios do concurso de videopoemas posto en marcha co gallo desta efeméride no campus de Ourense. Nel convidábase aos membros da comunidade universitaria a presentar unha videogravación feita co teléfono móbil, na cal se sonorizase un pequeno fragmento ou estrofa dun poema de Rosalía ou de creación propia a partir de versos da autora. Na súa resolución, o xurado agradeceu a participación dos membros da comunidade universitaria e sinalou “a relevancia e a calidade de todos os traballo presentados, así coma o seu valor educativo e a súa carga de valores na procura dunha sociedade máis xusta, sumándonos aos propósitos da celebración deste Día de Rosalía”.

O primeiro premio foi para o videopoema Nin pedra deixaron en dond´eu vivira, realizado polo equipo de estudantes Os Sinfónicos, composto por Flavio Vicente Rodríguez, Marta Rodríguez, Diana Sobrino, Nerea Sánchez, Noa Varela e Laura Varela. O xurado destacou da peza presentada “o seu xeito de combinar distintas problemáticas sociais que van desde o feminismo ata o abandono poboacional das vilas galegas e o seu deterioro urbano, amosando que a obra de Rosalía posúe unha vixencia absoluta e permite analizar conflitos actuais de calquera caste". O segundo premio foi para Sempre ao teu carón, de Paula Lomba e Nerea Fariña. Desta proposta o xurado subliñou “a viaxe interior que presenta, primeira da perda e retrospectiva e, finalmente, de ledicia polo reencontro e o amor como utopía conquistada". Xa por último, o terceiro premio foi para Poema de escola, de Iara Olabegoya, Andrea Martínez, Alba Muñiz, Lucía Guzmán, Alba Pérez e Lucía López. O xurado puxo de relevo neste caso a “mestura de diferentes poemas entrelazándose con Rosalía, presentando a problemática da escola como un motor de segregación e reprodución social e afondando no conflito da desaparición da escola rural como modelo en relación coa contorna".

Máis actividades

O Día de Rosalía tamén incluíu no campus de Ourense a degustación de caldo de gloria na cafetaría do Edificio Politécnico. Ademais, na entrada do Edificio de Ferro instalouse unha mostra de caligramas feita por alumnado e na Biblioteca Rosalía de Castro habilitouse na súa entrada unha mostra bibliográfica con fondos sobre a escritora galega dispoñibles neste centro.