DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun curso intensivo organizado pola escola Estou

25 estudantes fórmanse no campus para ser monitores ou monitoras de tempo libre

A iniciativa prolongarase durante todo o mes de xuño

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Asociacións de Estudantes
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Ourense 05/06/2019

Desde este luns e ata finais de xuño 25 persoas fórmanse diariamente no campus de Ourense para ser monitoras ou monitores de tempo libre. Fano nun curso intensivo que organiza a Escola de Tempo Libre Universitaria do campus de Ourense (Estou), coa colaboración da Asociación Universitaria de Ciencias da Educación AUCE. A formación, que dá ás e aos participantes o título acreditado pola Xunta de Galicia, repetirase no mes de xullo, quedando aínda prazas libres para apuntarse.

O perfil de persoas inscritas é principalmente de estudantes da Facultade de Ciencias da Educación do campus, tanto das diferentes ramas de maxisterio como das de Educación e Traballo Social. De luns a venres e en horario de mañá e tarde e nas diferentes instalacións do campus, as 25 persoas inscritas aprenden xogando a dinamizar todo tipo de grupos, desde nenos e nenas ata persoas maiores. Seguindo o formato de anos anteriores, o curso consta de 350 horas, 200 delas teóricas e 150 prácticas, impartíndose arredor de dez horas diarias. Os contidos que abranguen a formación inclúen todo tipo de actividades destinadas á animación sociocultural e do tempo libre, como xogos tradicionais, grandes xogos, veladas, rutas interpretativas, obradoiros de reciclaxe, actividades na natureza e deportivas, expresión musical e corporal, primeiros auxilios, educación para a saúde, animación á lectura, psicosocioloxía, educación en valores, lexislación e saúde ambiental, entre outras cuestións.

Os docentes do curso son profesionais do mundo do tempo libre e alumnado que realizou algunha das anteriores edicións do curso da Escola de Tempo Libre Universitaria e que se implica habitualmente nas actividades das entidades organizadoras. Para abordar as temáticas do curso, na súa docencia participan non só profesionais do eido educativo ou da intervención social senón tamén profesionais do eido da historia ou do turismo. O perfil de persoas inscritas é principalmente de estudantes da Facultade de Ciencias da Educación do campus, tanto das diferentes ramas de maxisterio como das de Educación e Traballo Social.