DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Trátase dunha peza de rúa feita pola Aula Universitaria de Ourense Rosaura

A 28ª Miteu arranca a súa programación co espectáculo 'En primicia'

A Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense prolongarase ata o 6 de maio

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Arte
  • Cultura
  • Teatro
  • Cultura
DUVI Ourense 21/04/2023

Como xa é tradición, a Aula Universitaria do campus de Ourense Rosaura arrancou este xoves pola tarde noite a programación da 28ª Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense (Miteu). A cita, que se prolongará ata o 6 de maio contará con 20 espectáculos, principalmente de teatro universitario e profesional pero tamén de música, circo e danza ofrecidos por compañías estatais e foráneas. Entre elas, as aulas escénicas da Universidade de Vigo terán un papel destacado.

Aulas escénicas da UVigo

A actuación da aula Rosaura tivo lugar na contorna da Praza Maior e dos Xardíns Padre Feijóo, no centro da cidade de Ourense. A obra estreada, titulada En primicia, é froito do traballo realizado polo alumnado e o profesorado de Sarabela Teatro no marco da formación que se dá na Aula Universitaria de Ourense Rosaura, que se desenvolve cada curso académico no campus de Ourense. Así, a dirección desta peza de rúa recae en Sabela Gago, a dramaturxia é unha creación coleciva baixo a súa dirección e o elenco está formado por Carlos Bértalo, Adrián Castro, Silvia Cortón, Cristina Garrido, Isabella Medeiros, Laura González, Yoni G. Hurtado, Rubén Gómez, María González, Dalia Jiménez, Gisela Panadeiros, Emilio Rey, Marta Santos, Olga Suárez, Aimar Vega, Genoveva Longueira, Susana Vázquez e Alba Peteiro, estando como técnicos José Manuel Bayón e Rubén Dobaño. En primicia poñe o foco en como “na cobertura dun conflito bélico, os xornalistas loitan para impoñer o seu relato diante da opinión pública”.

Tras esta actuación de Rosaura, as demais aulas escénicas da Universidade de Vigo tamén terán protagonismo na Miteu. Así, o día 28, no Teatro Principal, Cordelia Aula Universitaria do Campus de Ourense representará a súa obra O mundo como vontade. Ao día seguinte, terán lugar as 12ª Xornadas de Danza D-Outras, baixo a organización e coa participación da aula de danza do campus de Ourense. O xoves 4 de maio será a queda da Aula de Teatro de Pontevedra, que presentará Intermitencias no Teatro Principal, e da Aula de Teatro de Vigo, que no mesmo escenario representará Incendios. Por último, e tamén seguindo a dinámica de edicións anteriores, o peche da Miteu corresponderalle o día 6 de maio á Aula Universitaria do Campus de Ourense Rosaura, que representará As cidades agochadas.

20 espectáculos diversos

A Miteu é unha mostra organizada por Sarabela Teatro co apoio do campus de Ourense da Universidade de Vigo, a Deputación de Orense, a Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, o Teatro Principal e Cervexas Esmorga. Nesta edición contará coa participación de compañías de Colombia (Andrea Ríos), de Portugal (Teatr'Ubi), e de Guinea (Ña Dingö) e sobre todo de diferentes puntos da xeografía estatal (Galicia, Madrid, Euskadi, Andalucía, Navarra e Castilla y León). No marco do compromiso social deste certame, algunhas das obras desta edición proporán reflexións sobre temas como o racismo, a identidade sexual, o feminismo e a xustiza. Aínda que o protagonismo recaerá nas aulas universitarias, tamén haberá compañías profesionais como Yllana e música cun concerto do grupo galego The Tetas Van. A maior parte das representacións terán lugar ás 20.00 h no Teatro Principal de Ourense, aínda que a programación tamén se achegará ás rúas do centro da cidade, ao Café Cultural Auriense, ao Colexio Maristas e ao Liceo. Excepto o espectáculo de Yllana Passport, que custará entre 10 e 15 euros, as entradas para os diferentes espectáculos son libres ou cun prezo de tres euros (para compañías non profesionais) e cinco euros (para compañías profesionais).