DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Divididos nos grupos Rosaura, Cordelia e Maricastaña

50 persoas participan este curso nas aulas de teatro do campus

Cada semana desenvolven a súa actividade nas instalacións universitarias

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Ourense 08/11/2022

Arredor de 50 persoas, membros da comunidade universitaria e de fóra dela, fórmanse este curso académico nas aulas de teatro do campus de Ourense. Estas aulas divídense en tres grupos: Rosaura (nivel 1), aberta ás persoas que se inician nas artes escénicas; Cordelia (nivel 2), destinada ás que xa teñen algo de experiencia, e Maricastaña (nivel 3), para as que teñen coñecementos máis avanzados.

A iniciativa forma parte da programación de extensión universitaria que ofrece a vicerreitoría deste campus con financiamento da Deputación Provincial de Ourense. As aulas están coordinadas desde a compañía Sarabela Teatro por Fernando Dacosta, que destaca a boa acollida que unha edición máis teñen estas aulas. “En total, entre os tres niveis das aulas, temos 50 persoas inscritas. Houbo que ampliar as prazas do primeiro nivel a 20. Os niveis 2 e 3 teñen 15 persoas matriculadas cada un. Había máis demanda que prazas, pero non se podían coller máis persoas por espazo e para garantir o bo funcionamento das aulas”, sinala. Desde outubro, cada semana os grupos desenvolven a súa actividade nas instalacións do campus de Ourense.

Rosaura

O nivel 1 das aulas teatrais universitarias, chamado Rosaura, desde outubro e ata decembro traballa, con docencia de Flor Figueroa e Sabela Gago, sobre o corpo en movemento, afondando no “corpo para desenvolver as sensacións, as habilidades, as emocións e para permitir que sexa o medio de contacto co que nos rodea e cos demais”. Tras este traballo previo, en xaneiro e febreiro, con Sabela Gago, as e os estudantes continuarán formándose nos recursos para a escena. “Seducir e convencer son capacidades a desenvolver se queremos ser boas e bos comunicadores en escena. En Rosaura traballaremos estas claves como punto de partida para a interpretación. Os nosos aliados serán a escoita, os impulsos, a relaxación activa e a improvisación, entre outros”, sinalan desde a súa organización. A actividade desta aula culminará cunha mostra do seu traballo na rúa.

Cordelia

Polo que respecta ao nivel 2, a aula chamada Cordelia, desde outubro e durante este mes de novembro estará formándose sobre o corpo no espazo, con docencia de Sabela Gago. “O espazo desde dentro e desde fóra, baleiro ou cheo, real ou imaxinario, será obxecto do noso traballo; experimentarémolo nas súas diferentes versións para convertelo en espazo dramático”, indican desde as aulas universitarias. Xa a finais de novembro e durante o mes de decembro o grupo continuará traballando sobre a articulación e a linguaxe. “Máis alá das características vogais de cada quen, o traballo de voz encamiñado á actuación toma como punto de partida a nosa identidade para estirar, modular, ampliar as nosas capacidades, rescatando e pondo en valor todo o potencial que o traballo vaia desvelando”, comentan desde Sarabela Teatro. Trátase, apuntan, dunha formación destinada á “procura da nosa propia voz para poder poñela ao servizo da escena nunha partitura que está por escribir”. Ao igual que no caso de Rosaura, o traballo de Cordelia culminará cunha montaxe a redor de textos teatrais que será representada ante o público coa dirección de Fina Calleja. “Compoñeremos xuntos un lenzo no que o noso corpo, a nosa voz, a sintonía coas e cos compañeiros na escena tinguirán este proceso de cores e matices como se dunha lente amplificadora se tratase para lanzar a nosa ollada dun mundo que veremos así a través dun caleidoscopio, agardamos que marabilloso”, afirman desde as aulas teatrais universitarias.

Maricastaña

Por último, está o nivel 3, a aula Maricastaña. Neste caso arrancou o curso abordando “a palabra en acción” con Fina Calleja, coa idea de que “o corazón da actuación é precisamente iso: actuar, accionar coa vontade de comunicar calquera cousa que se pretenda. O actor é o vehículo neste acto sagrado de comunicación que lle outorga a súa carta de natureza, o seu sentido final”. Actualmente, as e os estudantes están con Sabela Gago afondando en buscar “no texto teatral o porqué da acción dramática”. A mediados de mes e ata finais de marzo comezarán xa coa preparación e montaxe dunha obra, que ten como título provisional As cidades agochadas, con dramaturxia de Fernando Dacosta a partir do libro As cidades invisibles, de Italo Calvino. “O emperador quere saber como son as cidades do seu imperio: unha viaxeira cóntalle. Mentres o fai, xorden diversas cidades que se entrelazan coa poesía, co ritmo, coa miseria, co desexo, coa invisibilidade, co intercambio, coa memoria, cos signos, coa morte, co humor”, adiantan sobre o argumento da peza, que tamén se estreará ante o público.