DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A escudaría universitaria UVigo Motorsport comeza a traballar na nova temporada de Formula Student

85 estudantes de 20 titulacións encargaranse do deseño e fabricación do UM24

O obxectivo do equipo é "mellorar os resultados e refinar as probas estáticas"

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Asociacións de Estudantes
  • Estudantes
DUVI 16/11/2023

Co equipo máis amplo de toda a súa historia, a escudaría UVigo Motorsport comeza xa a traballar no deseño e fabricación do UM24, o monopraza co que competirán un ano máis na Formula Student, a competición automobilística que reta a universidades de todo o mundo a fabricar e poñer a rodar o seu propio bólido.

Tras unha temporada, a 2022/2023, que deixou moi bo sabor de boca polos resultados obtidos en Silverstone e Montmeló, o equipo afronta esta nova etapa con moitas incorporacións e cunha estrutura interna renovada. Como explica Óscar Rodríguez, responsable de Organización e Márketing, “a temporada actual comezou con un equipo de 40 persoas”, pero tras o proceso de ampliación a escudaría conta xa con 85 membros de 20 titulacións diferentes, destacando a incorporación de Comunicación Audiovisual, como principal novidade. Ademais, engade Rodríguez, este ano o equipo conta con 10 alumnas nas súas filas, polo que “un 13% do total do equipo é feminino”. 

Xunto coa ampliación do equipo, a reorganización da estrutura é outros dos principais cambios para este novo ano, xa que á fronte da escudaría haberá tres persoas: Denis Pallarés como Team Leader, Fabio Diz como Technical Leader e Andrés Gago como Mechanical Leader, este último posto de nova creación. A eles súmanse sete responsables de departamento: Yeray Méndez, en Chasis; Erik Guillén, en Aerodinámica; Andrés Gago, en Dinámica; David Ulises Tenreiro, en Electrónica; Daniel Reboreda, en Propulsión; Óscar Rodríguez, en Organización e Márketing; Pablo Dorrío, en Autónomo e, como novidade, designouse un responsable de Business Plan, cargo que ostentará Marta Mariño e un responsable de Cost & Design Event, que será Iván Blas.

Con esta reestruturación e ampliación do equipo, os obxectivos pasan, como explica Rodríguez, por “mellorar os nosos resultados en competicións futuras e por refinar as nosas probas estáticas, coas que estamos apostando con maior firmeza coa creación de responsables dedicados a cada unha delas”. Respecto das expectativas, agardan poder volver a participar na competición de coche autónomo, “continuando a liña da temporada pasada, asistindo de novo á carreira de Reino Unido”.

Novidades do UM24

Respecto das novidades relacionadas directamente co monopraza, o equipo está a definir as innovacións e modificacións que terá o UM24 respecto do seu predecesor, o UM23. A estratexia pasa, como explican os estudantes, por “reducir de peso o chasis; sofisticar e modificar lixeiramente a aerodinámica baseándonos no modelo anterior; adquirir un novo sistema de refrixeración do motor, ademais dun mellor mapeado para obter maiores prestacións e un acelerador actuado electronicamente; e , por último, unha suspensión máis pulida”.

2022/2023, unha temporada con resultados que celebrar e obstáculos dos que aprender

No comezo da nova temporada, o equipo tamén fai balance da anterior, que os levou a participar en “dúas prestixiosas competicións”: Formula Student United Kingdom e Formula Student Spain, das que saíron “orgullosos de poder ver bos resultados, froito do esforzo e o traballo dedicado”. E é que co oitavo monopraza da escudaría conseguíronse puntuacións históricas: o 10º posto en Silverstone e o 6º en Montmeló.

No circuíto inglés participaron tanto co equipo de combustión como co coche autónomo na FSUK AI (Artificial Intelligence). O décimo posto obtido no cómputo xeral converteu á escudaría da UVigo no equipo español con mellores resultados da competición, na que participaban outras 60 universidades de todo o mundo. Na proba do vehículo autónomo, “a pesar de non ter acadado posicións altas en ningunha das probas da categoría, consideramos un éxito ter conseguido competir nunha das probas máis desafiantes da Formula Student, permitindo así seguir avanzando, agora de forma práctica, tras tres anos de traballo investigando teoricamente”. Ademais, os vigueses conseguiron o premio ‘Best Newcomer’, por ser o equipo con mellores resultados de entre os debutantes na FSUK.

No que respecta á participación no Formula Student Spain no circuíto de Montmeló, UVigo Motorsport conseguiu “un enorgullecedor 6º posto global” e un 3º posto na proba de Endurance, “a máis dificultosa de completar, que en Reino Unido non puidemos finalizar”. Polo tanto, facendo balance, a pasada foi para o equipo vigués “unha temporada rica en experiencias e aprendizaxe que rematou con bo sabor de boca, con resultados que celebrar e obstáculos dos que aprender e acollemos con ilusión os retos e oportunidades que se presenten este ano”.