DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O curso pasado participaron máis de 250 estudantes de ESO, Bacharelato e FP

Abre o prazo de inscrición na 2ª edición das Olimpíadas de Teleco

As persoas interesadas poden anotarse, de xeito individual ou por equipos, ata o 30 de novembro

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Premios
  • Académica
DUVI 11/10/2023

Comeza a conta atrás para a 2ª edición das Olimpíadas de Teleco, unha cita que o curso pasado trouxo ata a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación a máis de 250 estudantes de ESO, Bacharelato e FP que tiveron neste centro o seu primeiro contacto ‘profesional’ co mundo das tecnoloxías. Satisfeitos co éxito acadado nesa primeira edición, o centro xa ten todo listo para unha segunda edición. Esta semana abriuse o prazo de inscrición -ata o 30 de novembro- e desde a escola iniciaron xa a difusión da actividade nos centros de ensino secundario de toda Galicia.

A iniciativa, de carácter nacional, está organizada por 20 escolas de enxeñería de telecomunicación de toda España e o Colegio Oficial de Ingenieros Técnicos de Telecomunicación, COITT, co obxectivo de promover a enxeñaría de telecomunicación entre a mocidade. A olimpíada reta ao alumnado de ensino medio a demostrar como as telecomunicacións axudan á sociedade. O ano pasado a competición centrouse no ODS 11 da Axenda 2030 referido ás cidades e comunidades sostibles, e este ano serán os temas de saúde os que protagonicen esta cita.

A final galega será en abril e a nacional en maio

En grupos de ata 6 persoas, os equipos terán que crear un proxecto relacionado co mundo da saúde, empregando kits de placas programables compatibles co IDE de Arduino e as comunicacións. Ademais, o alumnado de Bacharelato tamén poderá competir de forma individual, realizando unha proba escrita na que haberá que resolver problemas relacionados coa enxeñaría de telecomunicación.

A fase clasificatoria galega celebrarase na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación entre o 22 e 26 de abril e de aí sairán os equipos que representarán a Galicia na final nacional, que se celebrará en maio. Na competición por equipos entregaranse premios en metálico – grazas ás empresas colaboraboradoras Indra, BorgWarner, Televes, e R- á mellor proposta técnica, á proposta máis orixinal e á proposta máis aliñada co ODS3 e, no caso da competición individual, daranse tres premios de 400 €, 300 € e 200 €.