DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As candidaturas poden presentarse ata o 11 de decembro

Ábrese unha nova convocatoria para que os centros obteñan o Distintivo de Igualdade

Terase en conta a proporción de actividades relacionadas co xénero que se programan en cada caso

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Igualdade
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 02/10/2023

"Non é o mesmo que un centro que programa 30 actividades ao ano dedique cinco a cuestións relativas ao xénero, a que o faga outro que programa 15”. Con este exemplo explican desde a Unidade de Igualdade da UVigo unha dúas novidades que introduce a convocatoria do cuarto Distintivo de Igualdade, recentemente publicada pola institución académica viguesa, co obxectivo de recoñecer aqueles centros que destaquen na promoción activa e permanente da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes. A posibilidade de que os tres institutos universitarios de investigación da UVigo (Agroecoloxía e Alimentación, Física e Ciencias Aeroespaciais e de Xustiza e Xénero) poidan presentar a súa candidatura ao Distintivo é a segunda das novidades que inclúe a nova convocatoria deste recoñecemento, que se materializará nunha insignia que se exporá nos centros que o acaden e unha achega de 3000 euros que a dirección da facultade, escola, centro propio ou instituto universitario de investigación utilizará para desenvolver políticas de xénero.

Dez centros da UVigo acadaron nas tres convocatorias anteriores o Distintivo de Igualdade: as facultades de Filoloxía e Tradución, de Educación e Traballo Social, de Ciencias Xurídicas e do Traballo, de Ciencias Económicas e Empresariais, de Dereito do campus de Ourense; as escolas de Enxeñaría de Minas e Enerxía, de Enxeñaría de Telecomunicación; así como o CIM-Centro de Investigación Mariña, o CINBIO, Centro de Investigacións en Nanomateriais e Biomedicina e o centro de investigación atlanTTic.

Novidades da convocatoria

Ata o 11 de decembro de 2023 permanecerá aberto o prazo de presentación de candidaturas e uns distintivos que comezaron a outorgarse en 2021 e que converteron á UVigo na primeira universidade do Estado en contar cun selo que recoñece os centros que destacan pola súa loita e esforzo a prol das políticas de igualdade. Por vez primeira, e seguindo a suxestión de mellora das avaliadoras da convocatoria anterior, nesta cuarta edición dos distintivos “teranse en conta os datos en relación ao total do centro: respecto ás actividades de promoción de igualdade realizadas, ao número de persoal experto e de persoas con especial implicación ou ao número de materias que traten contidos sobre igualdade ou feminismos ou que se impartan con perspectiva de xénero ou das liñas de investigación que incorporen algunha destas temáticas”, explican desde a Unidade de Igualdade. A tal efecto, e para facilitar a presentación e contextualización dos datos, pídeselle a cada centro unha pequena descrición co ano de creación; breve historia; titulacións que se imparten ou liñas de investigación.

Na convocatoria do distintivo, que terá unha vixencia de seis anos, tamén se incorpora para mellorar a xestión, que o gasto asociado á concesión do recoñecemento deberá executarse antes do 15 de novembro do 2024 para axeitarse ao peche do ano contable.