DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Froito de “meses de negociación", asinouse este xoves no edificio Redeiras

Un acordo coa Xunta achégalle á UVigo 3,5 millóns de euros para a posta en marcha de múltiples actividades estratéxicas de I+D+i

Permitirán mellorar infraestruturas e equipamentos, atraer talento e potenciar a divulgación

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Reitor
  • Institucional
D. Besadío DUVI 19/10/2023

O reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, e o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, subscribiron este xoves un convenio en materia de I+D que dota á Universidade de Vigo dunha achega económica extraordinaria de 3,5 millóns de euros para a posta en marcha de múltiples “actividades estratéxicas” relacionadas coa I+D+i nos tres campus, un financiamento que permitirá, entre outros aspectos, mellorar infraestruturas e equipamentos de investigación, atraer talento de alto nivel e potenciar a divulgación científica.

O acto tivo lugar no edificio Redeiras e contou coa participación da vicerreitora de Investigacion, Belén Rubio, e o secretario xeral de Universidades da Xunta de Galicia, José Alberto Díez de Castro, así como coa asistencia da delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz; os vicerreitores Alfonso Lago e José Luis Míguez, e a secretaria xeral da UVigo, Mª José Bravo Bosch.

Unha achega “importantísima” que permitirá dar “un salto máis”

Trátase dunha achega á que o reitor se referiu como “importantísima” e que, ao seu xuízo, lle permitirá á Universidade de Vigo dar “un salto máis” nos niveis de calidade que xa ofrece a institución académica viguesa en todo o relacionado coa I+D. Neste senso, lembrou que Vigo está considerada a nivel internacional como unha universidade “forte en investigación”. Por outra banda, aproveitou tamén a presenza do conselleiro para eloxiar o “xeneroso” Plan de Financiamento das universidades galegas, “que contribúe a que poidamos ter unha estabilidade da que non gozan noutras comunidades”, e para agradecerlle ao goberno galego a consideración que ten coas universidades do SUG e, máis concretamente, coa UVigo.

Pola súa banda, Román Rodríguez, subliñou “o compromiso” do seu departamento “coa aposta pola calidade, a innovación e a internacionalización” do ensino universitario, cunha importante partida nos Orzamentos 2024, que se incrementa nun 5%. En total, segundo indicou neste acto, a consellería xestionará 513,5M€ en materia de Universidades no próximo exercicio. “Isto -explicou o conselleiro- permítenos avanzar no obxectivo de acadar, en breve, o 1% do investimento de recursos públicos nas universidades fixados a nivel nacional para o ano 2030”.

Neste apoio ás universidades do SUG enmarcou o convenio asinado este xoves coa Universidade de Vigo, un acordo grazas ao cal “a UVigo poderá fortalecer as súas infraestruturas científicas e o seu equipamento tecnolóxico especializado e enfocado á excelencia investigadora”. Nesta liña, recordou que a UVigo “avanza” nos ránkings internacionais que miden a calidade investigadora e eloxiou a institución por “enfocar” moi ben as axudas para afianzar ese potencial.

Seis liñas ‘prioritarias’ de actuación 

O orzamento total ascende a 3.477.684 euros, distribuídos nas anualidades 2023 e 2024, e contempla actuacións en seis liñas básicas: captación de talento, centros, novas estruturas de investigación, obras singulares de apoio á investigación, outras accións con foco específico de alto impacto e interese na I+D+i e, xa por último, accións que redundarán na calidade da docencia. Froito de “meses de negociación”, tal e como subliñou o reitor, Reigosa admitiu que moitas das actividades previstas xa están en marcha ou executadas.

A partida que conta cun maior orzamento,  1.400.000 €, é a dedicada aos centros e inclúe financiamento para a organización das diferentes xornadas de portas abertas/divulgación; apoio específico para o financiamento e mellora dos centros Cigus (CIM, CINBIO e atlanTTic) e unha pequena partida para formación do persoal da Oficina de Proxectos Internacionais, OTRI e Servizos de apoio á investigación. No que se refire a obras singulares de apoio á investigación -axudas que ascenden a algo máis de 717.000 euros-, inclúese o acondicionamento do módulo 3 do CINBIO para captación de talento, mobiliario para o Laboratorio Cuántico e o acondicionamento da zona de Enxeñaría Química na Facultade de Filoloxía e Tradución.

O seguinte bloque de actuacións con máis financiamento dispoñible -640.000 euros- é o dedicado a outras accións con foco específico de alto impacto e interese na I+D+i, onde se inclúen partidas para o proxecto de escavación Adro Vello, prórrogas para os contratos posdoutorais, apoio á organización de congresos internacionais ou, entre outras medias, á implantación do selo HR na UVigo.

De maneira máis específica, para captación de talento dedicaranse 295.000 euros, e para outras accións con foco específico na calidade da docencia 214.000 €, incluíndose neste aspecto apoio específico para os tres mestrados da UVigo con Mención de Excelencia e para diferentes plans piloto de docencia innovadora (mestrado dual, virtualización de laboratorios…). 

Por último, a partida para novas estruturas de investigación é de algo máis de 200.000 euros e inclúe axudas tanto para Ecobas como para o Campus Crea, Campus Auga, Vigo Tecnolóxico, CINTECX e os institutos de investigación de recente creación (Agroecoloxía e Alimentación, Linguaxe e Cognición, Xustiza e Xénero e Física e Ciencias Aeroespaciais).