DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Terán lugar no campus de Vigo entre febreiro e abril

As actividades para a promoción do bádminton voltan ao pavillón universitario

Na procura de repetir a boa acollida que tivo durante 1º cuadrimestre

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Deportes
  • Deportes
DUVI 01/02/2019

Organizadas pola Área de Saúde, Benestar e Deporte e coa colaboración do Club Escola Rosalía, volven as actividades para a promoción do bádminton ao campus de Vigo coa celebración dunhas xornadas que teñen como obxectivo achegar este deporte á comunidade universitaria. Así, durante os meses de febreiro, marzo e abril, as persoas interesadas poderán inscribirse neste curso e iniciarse na práctica do bádminton. 

Tras oito anos xogando, dous deles coma adestrador,  a cargo da actividade está Jorge Álvarez, estudante do Grao en Enxeñaría Mecánica no campus de Vigo. O adestrador destaca que o bádminton “é un deporte no que resulta bastante fácil iniciarse e que grazas ao éxito de Carolina Martín estase a popularizar cada vez máis”. Álvarez xa impartiu esta actividade durante o cuadrimestre pasado e aínda que coincidiu nunhas datas un tanto complicadas por mor dos exames, salienta que “a acollida foi moi boa, sobre todo animáronse Erasmus e estudantes de intercambio”.

Trátase dunha actividade gratuíta destinada a toda a comunidade universitaria, aínda que tamén poderán acceder a ela persoas externas que estean en posesión dun abono Muver ou unha entrada multideporte. Quen queira achegarse e participar nesta actividade, que se desenvolverá durante todos os mércores, dende febreiro ata abril, organizado en dous grupos, en horario de maña (11 a 13h) ou de tarde (15 a 17h), terá que reservar praza para cada sesión cunha antelación máxima de tres días na plataforma Deporxest. 

Un deporte para todos e todas

Orientado a todas as idades, xogado en interior ou exterior, o bádminton é unha actividade que todo o mundo pode practicar. Con niveis que van dende a iniciación ata o profesional, trátase dun deporte no que a condición física importa  pero non é imprescindible. “Pódese anotar calquera persoa, as competicións que se fan en bádminton organízanse en categorías que van en función do nivel de cada participante” salienta o adestrador que asegura que “a maioría dos que proban este deporte gústalles e, unha vez se aprende a mecánica de xogo, e fácil mellorar, engancharse e seguir practicándoo”. 

Neste senso, dende a Universidade, preténdese que a comunidade universitaria se achegue, se interese por este deporte e que poida practicalo con asiduidade. Por iso, ademais das actividades de promoción, tamén está a disposición dos usuarios do Servizo de Deportes, con abono muver, o uso libre do pavillón para a práctica deste deporte mediante reserva previa.