DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha nova sesión do ciclo Café con Sal

Afondando nos modelos numéricos aplicados á protección costeira

A seguinte cita será o martes 21 de maio e correrá a cargo de Gianluca Marino

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Divulgación
  • Medio Ambiente
  • Investigación
DUVI 07/05/2019

O modelado numérico é a día de hoxe unha ferramenta moi potente nos campos da enxeñaría e a ciencia á hora de resolver problemas complexos. Conscientes desta realidade no Laboratorio de Física Ambiental Ephyslab do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo levan anos traballando na aplicación deste tipo de modelos á protección costeira e ao deseño de dispositivos de captación de enerxía das ondas. Así o explicou este martes o investigador Alejandro Cabrera nunha nova edición do ciclo Café con Sal.

Na súa intervención Cabrera presentou o seu traballo de investigación dentro do proxecto  DualSPHysics, un código libre e aberto impulsado polo grupo Ephyslab en colaboración con especialistas de diferentes institucións de Reino Unido, Portugal, Italia e Bélxica. Centrouse, sobre todo, nas diferentes aplicacións de enxeñería costeira, tales como o deseño de estruturas de protección de portos e o deseño numérico de dispositivos  captadores de enerxía de ondas.

Segundo expuxo na charla, a principal vantaxe de empregar este tipo de modelos é a capacidade de simular calquera escenario sen a necesidade de construír custosos modelos físicos, xa que os modelos numéricos non teñen que preocuparse dos problemas de escalado. Ademais, a simulación numérica proporciona datos ou medidas que nun modelo real serían difíciles de obter ou mesmo imposibles de medir. Por outra banda, este método de traballo permite, tal e como recalcou o investigador, realizar un estudo previo para reducir o número de ensaios físicos, o que implica un importante aforro de tempo e diñeiro.

O seguinte Café con Sal será o 21 de maio

O seguinte Café con Sal será o martes día 21 de maio e correrá a cargo de Gianluca Mariño, investigador do Grupo de Xeoloxía Mariña e Ambiental do CIM-UVigo e profesor honorario de The Australian National University. Baixo o título The nature of (palaeo) climate change, o investigador exporá as principais características dos ciclos da idade do xeo, a caracterización do patrón de variabilidade e as súas causas, así como algunhas consideracións para explotar o rexistro do paleoclima en estudos de sensibilidade climática.