DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A cerimonia de ingreso celebrouse no serán deste martes en Santiago de Compostela

África González xa é membro numerario da Real Academia de Farmacia de Galicia

O seu discurso de ingreso xirou en torno a si é posible acadar a eterna xuventude

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Premios
  • Institucional
D. Besadío DUVI 12/04/2023

A catedrática de Inmunoloxía da Universidade de Vigo África González Fernández, recentemente nomeada Viguesa Distinguida, xa é membro numerario da Real Academia de Farmacia de Galicia. A cerimonia de ingreso tivo lugar no serán deste martes e nela a científica viguesa estivo arroupada por numerosas autoridades, resto de académicos, amigos e familiares. “É un enorme orgullo e tamén unha responsabilidade velar polo rigor e a honestidade nunha institución que ten como máxima dar visibilidade e apoio aos coñecementos no campo farmacéutico”, explica González, quen dedicou as primeiras palabras do seu discurso a agradecerlle a esta institución, tanto  ao seu presidente, Ángel Concheiro, como ao resto de académicos, por acollela, primeiro como membro correspondente –no ano 2019- e agora como Académica de número.

No seu discurso de ingreso, titulado Eterna xuventude?, tratou de repasar os principais avances neste campo, os conceptos de reloxo biolóxico, diferenciándoo do cronolóxico, e a investigación sobre si é posible lograr a eterna xuventude ou si a sociedade debe conformarse cunha vida máis longa e levadeira. O discurso de contestación correu a cargo da académica de número María José Alonso Fernández, profesora da Universidade de Santiago de Compostela, especialista en tecnoloxía farmacéutica e biofarmacia.

“Investigar en envellecemento axudará a unha mellor vida no futuro”

“Investigar en envellecemento axudará a unha mellor vida no futuro”. Así de rotunda se amosou a nova académica de número no seu discurso. Tal e como explicou, estase a investigar moito sobre o proceso de  envellecemento, para ver si é posible enlentecelo ou, incluso, revertelo. “Polo momento hai pouco consenso no que respecta a como coñecer o noso reloxo biolóxico, que pode ser bastante diferente do cronolóxico”, salientou a investigadora, ao que engadiu que, se ben xa se definiron unhas características do envellecemento ou hallmarks, estas tamén foron cambiando cos anos.

Desde o seu punto de vista, para ter unha mellor calidade de vida é básico estudar a inmunosenescencia. “O sistema inmunitario é un dos que máis afectado se ve coa idade, é o que coñecemos como inmunosenescencia”, apuntou a científica, quen salientou que isto ten unha repercusión moi importante, xa que leva a máis infeccións, cancro, autoinmunidade e inflamación crónica. “Hai moitas empresas investindo neste campo e xa se desenvolveron múltiples fármacos, senolíticos, antiinflamatorios, etc”.

A reprogramación xenética cos denominados factores de Yamanaka están amosando, segundo explicou González, efectos de reverter o reloxo biolóxico en distintas especies, incluídos os ratos, se ben, ao seu modo de ver, aínda queda moito para que isto sexa unha realidade nos humanos. “Polo de agora o que si está claro é que hai moitas cousas que podemos facer para enlentecer o envellecemento, como é modificar aquilo que sabemos que o acelera, é dicir, a vida sedentaria, a nutrición inadecuada, o tabaco, o alcohol, as drogas ou durmir pouco”.

Verbas de lembranza para as vítimas da Covid-19

África González é doutora en Medicina e Cirurxía e catedrática de Inmunoloxía. Entre 2009 e 2019 dirixiu o Centro de Investigacións Biomédicas da UVigo, Cinbio e, entre 2016-2020 foi a presidenta da Sociedad Española de Inmunología. “A Real Academia de Farmacia é totalmente inclusiva e hai académicos doutras disciplinas, ademais da Farmacia, como é o meu caso”, explica González, quen ingresou como académica de número coa Medalla número 3, que previamente correspondera a José María Calleja, para quen tivo verbas de lembranza.

Nos últimos anos, destacou polo seu papel divulgativo sobre a pandemia da covid-19. “O virus sigue entre nós e seguirá seguramente. Hai que estar vixilantes á súa expansión, ao tipo de variantes, liñaxes e subliñaxes que están circulando para seguir estando mellor preparados, e seguir modificando as vacinas si é preciso, como se realiza anualmente coa gripe”, subliñou González. “Desde aquí quero render unha homenaxe a todas as persoas que se foron e a todas aquelas que viven con secuelas da infección, para que teñan unha pronta recuperación”, subliñou a nova académica, quen tamén tivo numerosas palabras de agradecemento para as súas compañeiras e compañeiros no grupo de investigación IN-1 do Cinbio, único en Galicia na área de Inmunoloxía, e a todos os que acompañaron na creación da empresa NanoInmunoTech, "unha das facetas máis complicadas da miña vida".