DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Todas as creacións deben ter como eixe central un tema biolóxico

O alumnado de Bioloxía busca logos e relatos cheos de inspiración científica

O xurado das dúas categorías entregará un total de 460 euros repartidos en seis premios

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cultura
  • Estudantado
  • Premios
  • Estudantes
DUVI 28/05/2021

É posible relacionar arte e ciencia, creación artística e estudos biolóxicos? O alumnado de Bioloxía que integra a delegación Lynn Margulis quere demostrar que si. Por este motivo e co obxectivo de atopar os mellores logotipos e relatos curtos elaborados pola comunidade universitaria, acaban de convocar dous concursos creativos baseados no seu ámbito de coñecemento, a bioloxía.

Para espertar a imaxinación dos membros da Universidade de Vigo, o xurado dos certames entregará seis premios, tres en cada categoría, cos que repartirán un total de 460 euros en vales regalo de 120, 70 e 40 euros. Ademais das recompensas económicas, a organización subliña que se trata de dúas propostas novas que supoñen unha grande oportunidade para a comunidade da UVigo, polo que agardan “que teñan unha boa acollida e moita participación”. Así mesmo, aseguran que a idea é que estes concursos teñan continuidade e poidan convocarse noutras ocasións, sumando incluso modalidades.

Un novo símbolo para a delegación Lynn Margulis

As bases do certame de deseño de logotipos recollen que todas as persoas vinculadas á UVigo teñen a posibilidade de inscribir dúas propostas de logos “que ilustren o que significa a Facultade de Bioloxía”. De feito, no caso de resultar gañadoras, as imaxes poderán constituír o distintivo da delegación Lynn Margulis. “O logo actual leva connosco desde os inicios e xa recibimos varias suxestións de cambialo por un que representase mellor e máis claramente a nosa titulación”, aseguran os estudantes.

Partindo dunha temática de índole biolóxica, as autoras e autores poderán enviar unha ou dúas propostas de logo ata o día 3 de xuño ao enderezo electrónico da delegación, delegaciónbiovigo@gmail.com. Os traballos deben ser debuxos dixitais, a cor ou en branco e negro, cunhas dimensións mínimas de 950 x 950 píxeles e máximas de 1080 x 1080 píxeles.

Os premios deste certame entregaranse o 4 de xuño e consisten en tres vales regalo do Corte Inglés, con cantidades de 140, 70 e 40 euros.

A ciencia, protagonista de relatos breves

Pola súa banda, as autoras e autores de textos literarios tamén teñen a súa oportunidade e poden rexistrar ata dous relatos breves, orixinais, centrados na bioloxía e non premiados noutros concursos. Desde a delegación pensan que este certame “é unha idea diferente e interesante, xa que a literatura non é o primeiro que lle vén á mente a alguén cando pensa nunha titulación de ciencias, pero saber relatar é unha competencia básica para a divulgación científica”. Neste senso, continúan, “co concurso de relatos queremos dar pé a que a comunidade universitaria deixe por un momento os correos e a prosa administrativa para crear un relato orixinal”. 

O prazo de envío de traballos literarios pecha o 11 de xuño e, igual que no concurso de logotipos, os galardóns do certame de relatos curtos serán tres. O primeiro premio obterá un vale de 140 euros, o segundo de 70 € e o terceiro de 40 €, e a entrega de premios será o 17 de xuño.