DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun obradoiro impartido polo catedrático Francisco González

Alumnado de Dereito afonda na protección do cliente ante as malas prácticas bancarias

Abordaron fraudes como os realizados a través de medios dixitais

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Charlas e seminarios
  • Académica
DUVI Ourense 06/11/2023

A Área de Dereito Mercantil da Universidade de Vigo organizou este luns na Facultade de Dereito do campus de Ourense un obradoiro sobre a protección do cliente ante as malas prácticas bancarias. Foi ofrecido por Francisco González, catedrático de Dereito Mercantil da Universitat de València. A actividade, dirixida pola catedrática Ana María Tobío e o profesor Juan Manuel de los Ríos, contou co apoio do centro que a acolleu e do Consello Social da UVigo.

O relator explicou que as e os consumidores de produtos financeiros están cada vez máis informados dos seus dereitos. Porén, sinalou a importancia que o alumnado de Dereito se achegue a cales son as malas prácticas máis habituais en relación cos bancos e como reclamar contra elas extraxudicialmente. Neste senso lembrou que estas malas prácticas poden afectar a calquera cidadán e o recurso de presentar unha demanda non está ao alcance de todas as persoas. O catedrático de Dereito Mercantil falou sobre os servizos de reclamacións tanto de entidades de crédito como, de xeito especial, do Banco de España, e das súas potencialidades, afondando sobre o que poden ou non atender. No caso do Banco de España, Francisco González destacou que leva funcionando 35 anos e que “cumpre un labor moi importante”.

Na actualidade, sinalou o relator, hai dous grupos principais de malas prácticas bancarias. O primeiro, cun crecemento exponencial nos últimos anos, indicou que é o de fraudes a través de medios dixitais, como por exemplo suplantando a identidade dunha entidade bancaria por correo electrónico ou mesmo mensaxes de WhatsApp para obter os datos de acceso ás contas e extraer diñeiro delas. Francisco González subliñou a importancia de  “intentar facer algo para solucionar estas condutas de fraude” que, indicou, o servizo de reclamacións do Banco de España non pode atender porque son un tema penal. Un segundo bloque de malas prácticas exposto polo catedrático de Dereito Mercantil foi o das comisións, como as de mantemento de contas ou relacionadas con hipotecas e con problemas con tarxetas de crédito. Neste senso chamou a atención sobre o feito de que aínda que as comisións como as de mantemento supoñen pequenas cantidades para cada persoa afectada, sumadas supoñen grandes sumas de diñeiro. No obradoiro, o alumnado, unha vez recibida a información de contexto, púxose mans á obra para eles mesmos redactar as correspondentes reclamacións en varios supostos habituais de malas prácticas bancarias.