DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Distribuirase periodicamente nos diferentes centros do campus

Alumnado de Historia lanza 'Ágora', unha revista universitaria de cultura

Co apoio da facultade e da súa delegación de estudantes

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Estudantado
  • Publicacións
  • Estudantes
DUVI Ourense 15/06/2023

Alumnado da Facultade de Historia do campus de Ourense vén de lanzar unha nova revista. Trátase de Ágora, Revista Universitaria de Cultura. “Baixo o nome de Ágora agrúpase un conxunto de estudantes que, ben con creacións propias ou ben con textos de dominio público, falan de temáticas tan variadas como literatura, poesía, teatro, cine ou historia, que se completan con seccións de opinión e de novidades culturais en Ourense”, explican desde a súa organización.  

A revista nace co apoio da Delegación de Alumnos da Facultade de Historia e da propia facultade e nela participan estudantes que tamén están implicados na posta en marcha o pasado curso académico do cineclub universitario La Barraca, que desenvolve periodicamente diferentes ciclos de cine dedicados a temáticas moi diversas. De Ágora, os seus promotores destacan que “realizada de forma similar ao cineclub La Barraca, recolle o seu espírito de dinamización cultural”. Coa súa saída do prelo, indican os promotores da publicación, “comeza un camiño ilusionante”.

Ágora foi presentada esta semana á comunidade universitaria da Facultade de Historia e o primeiro número xa está listo, estando prevista a súa distribución física a partir deste venres, de balde, nas diferentes facultade e escolas do campus de Ourense. Entre outros contidos, neste primeiro número tócanse temas como a conmemoración dos 50 anos das I Xornadas de cine de Ourense das nacionalidades e rexións; a figura de Rosa Luxemburgo a partir de Hannah Arendt e Lelio Basso; o paso a dominio público das obras de Stefan Zweig e Miguel Hernández; López Cuevillas e o comezo das investigacións en Aquis Querquennis ou o documental La batalla de Chile. O segundo número, xa elaborado, sairá en setembro co inicio do novo curso académico.